
O Concello da Pobra do Brollón pon en marcha unha nova edición do programa de visitas guiadas de verán “Déixate guiar”, que se desenvolverá entre o 21 de xullo e o 14 de setembro. A proposta inclúe catro rutas: Penas do Castelo, Cova das Choias, Castro de San Lourenzo e Adegas e Miradoiro de Vilachá, todas con prazas limitadas e reserva obrigatoria no teléfono 603 965 082, preferentemente por WhatsApp.
As visitas teñen un prezo de 5 euros por persoa, sendo gratuítas para menores de 12 anos. Os grupos serán de máximo 15 persoas, agás na Cova das Choias, onde se limita a 10 participantes por motivos de conservación. Cada ruta ofrece unha experiencia distinta: en Penas do Castelo, os visitantes descubrirán un xacemento colgado sobre o río Lor; na Cova das Choias, accederán a un espazo natural de alto valor ecolóxico; no Castro de San Lourenzo, coñecerán un proxecto de arqueoloxía comunitaria; e en Vilachá, visitarán as adegas medievais e o miradoiro da Capela, desde onde se observa o lugar de Os Conventos, clave para entender a orixe da paisaxe vitícola da Ribeira Sacra.
O Concello tamén ofrece a posibilidade de concertar visitas durante a fin de semana, segundo dispoñibilidade.•