
A Real Academia Galega vén de acordar dedicar o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño, escritora e xornalista viguesa falecida en 2014. A decisión foi tomada no pleno ordinario da institución celebrado esta semana na Coruña, logo de valorar tamén as candidaturas de Antón Tovar, Miguel González Garcés e Enrique Labarta Pose. A proposta, presentada por seis membros da Academia, destacou a achega literaria e comunicativa de Caamaño, que na súa curta pero intensa traxectoria combinou o compromiso feminista coa defensa do galego e dun xornalismo ético. Segundo o texto aprobado, “literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, desde o rigor do saber e a complicidade da maxia e dos soños”. Caamaño debutou como narradora en 2009 con Circe ou o pracer do azul, e consolidouse en 2012 con Morgana en Esmelle, galardoada con premios como o da Crítica e o da AELG. En ambas obras reinterpretou mitos clásicos desde unha perspectiva feminista e contemporánea. A súa traxectoria profesional estivo vinculada á radio pública galega, onde dirixiu programas como Diario Cultural ou Club Cultura, e colaborou en cabeceiras como A Nosa Terra ou Tempos Novos. Defensora do xornalismo como servizo público, presidiu o Comité Interempresas da CRTVG e impulsou a Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación. A homenaxe de 2026 recoñecerá tamén o seu compromiso coa igualdade, a liberdade e os dereitos humanos, trazos que marcaron tanto a súa obra como a súa vida.
(Foto Cedida)





