•A creación dunha bolsa de persoal médico voluntario para cubrir gardas nos puntos de atención continuada dispón xa de 149 profesionais anotados

A Xunta de Galicia activará este verán un plan de reforzo da atención primaria cun investimento de 12,1 millóns de euros. Así o anunciou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, tras a súa aprobación polo Consello da Xunta. O obxectivo é garantir a calidade asistencial durante os meses estivais, nos que se incrementa a demanda tanto pola cobertura das vacacións do persoal sanitario como polo aumento de poboación en zonas costeiras.
O plan, articulado arredor de catro liñas principais, manterá medidas xa aplicadas en anos anteriores. A primeira delas consiste nun programa extraordinario para cubrir quendas nos puntos de atención continuada (PAC), mediante unha bolsa de profesionais voluntarios que poderán ser chamados entre 3 e 7 días ao mes. Actualmente, esta lista conta con 149 médicos.
Tamén se activa un programa de apoio co persoal do 061, que poderá sumarse voluntariamente aínda sen formar parte da bolsa principal. Ata o de agora, 20 facultativos adheríronse a esta medida.
A terceira vía permitirá mobilidade temporal a centros que requiran reforzo, aberta tamén a persoal doutras comunidades. Por último, 95 residentes de cuarto ano en pediatría ou medicina familiar participarán nunha nova encomenda de funcións, asumindo tarefas extraordinarias como gardas ou cobertura de ausencias.
Estas accións súmanse á convocatoria de 271 prazas de médico de familia, de feito a semana pasada foi publicada no DOGA a lista de persoas seleccionadas e os baremos definitivos do seu concurso-oposición.•