
Foto GPDB.
O viño Don Bernardino La Capona 2019, da denominación de orixe Ribeira Sacra, recibiu a medalla “Best in Show” na 25ª edición dos Decanter World Wine Awards (DWWA), un dos concursos internacionais máis prestixiosos e influíntes do mundo do viño. Este recoñecemento sitúa este viño galego entre os 50 mellores valorados nun proceso de cata a cegas que contou coa participación de 250 expertos.
O xurado deste certame estivo integrado por 250 profesionais, entre os que se atopaban 72 Masters of Wine e 22 Master Sommeliers, o maior número destes expertos na historia do concurso. Na edición deste ano foron avaliados un total de 21.244 viños procedentes de 57 países diferentes, nun proceso que se caracteriza pola súa estrita avaliación a cegas.
España logrou un total de 105 medallas de alto nivel, das cales cinco foron “Best in Show”, 16 de platino e 84 de ouro. Dous viños de Jerez tamén acadaron medallas “Best in Show”, ademais de seis de platino e dez de ouro, evidenciando o peso dos viños españois no palmarés do concurso.
O xurado destacou o enorme esforzo que representa a produción dos viños da Ribeira Sacra debido ás características únicas dos seus viñedos, que se sitúan en pendentes moi pronunciadas, con solos de granito. Segundo comentaron: “Calquera que vira fotografías dos viñedos de granito extraordinariamente escarpados abrirá esta botella con reverencia: é probable que se elaborase con máis suor, esforzo e músculo que calquera outro viño da nosa selección Best in Show”.
A bodega Don Bernardino iniciou hai trece anos a súa andaina na elaboración de viños de parcela, coa creación do Finca Mezquita 2012, que supuxo un fito para a denominación. Diego Rodríguez, actual responsable da bodega e quinta xeración da familia, destacou que o seu avó Bernardino estaría satisfeito dos avances acadados e do recoñecemento internacional recibido.
Ademais do viño premiado, outros produtos da bodega tamén acadaron puntuacións elevadas. Por exemplo, o Melanio La Capitana 2019, producido na parroquia de Doade, conseguiu 90 puntos. Finca Mezquita 2019 mantivo unha puntuación de 89 puntos, e Vacamulo 2020, elaborado nunha viña de granito na zona de Chanteiro (Pinol), alcanzou 92 puntos, situándose entre os 100 mellores viños de España.
Alba Fernández Cid e Diego Rodríguez explicaron que “La Capona 2019 é un proxecto no que levamos anos traballando. A finca só produce unhas 1.000 botellas e representa o ‘cubito de xeo’ en Amandi”.
Desde o seu lanzamento en 1975, os Decanter World Wine Awards converteronse nun referente no mundo do viño, recoñecidos pola súa rigorosa metodoloxía de avaliación e o seu alcance global, que supera os dous millóns de persoas ao mes a través das súas publicacións impresas e plataformas dixitais.•