
O vindeiro martes 1 de xullo, ás 20:00 horas, proxectarase no Multicines Hollywood de Monforte o documental Reboiras: Acción e corazón, dirixido por Alberte Mera. A actividade, organizada polo BNG de Monforte, será de acceso libre ata completar o aforo e incluirá un coloquio posterior coa participación do director, da militante nacionalista Marisa Canto e de Xosé Manuel Pavón, exconcelleiro e compañeiro de loita de Moncho Reboiras.
O filme reconstrúe a vida e o pensamento de Xosé Ramón Reboiras Noia, coñecido como Moncho Reboiras, militante da Unión do Povo Galego asasinado pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975. Con só 25 anos, Reboiras converteuse nun símbolo da loita pola liberdade, a xustiza social e a autodeterminación de Galiza. A súa actividade política desenvolveuse en múltiples frontes, desde o sindical ao cultural, e o seu labor organizativo foi clave no fortalecemento do nacionalismo galego durante a ditadura.
O documental combina entrevistas a 28 persoas que compartiron con el distintas etapas da súa vida, recreacións de momentos significativos e material de arquivo. A través deste enfoque, a obra ofrece unha visión completa da súa figura, tanto desde a dimensión humana como política. No coloquio posterior á proxección abordarase tamén a pegada de Reboiras na comarca de Lemos e o seu legado no movemento nacionalista galego.
Desde o BNG de Monforte sinalan que esta iniciativa busca contribuír á recuperación da memoria histórica e ao coñecemento dunha figura clave do século XX en Galiza. “Reboiras representa un compromiso firme cun país máis xusto e libre, e proxectar este documental é tamén un acto de recoñecemento colectivo”, apuntan desde a organización. A actividade insírese nunha liña de acción que pretende achegar á cidadanía referentes históricos que axuden a comprender o presente e construír futuro.•