Monforte e Sober acolleno Encontro Nacional de Emprendedores Creativos

A Tenente Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, e a Presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, durante a presentación do Encontro Nacional de emprendedores creativos na Ribeira Sacra. Foto GPCM.

Monforte de Lemos e Sober serán escenario esta fin de semana do Encontro Nacional de Emprendedores Creativos, unha iniciativa promovida pola Asociación España Creativa e a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España (RECITCREA) no marco do proxecto Camiño Creativo de Santiago 2025. A presentación do programa tivo lugar este martes 24 de xuño, nun acto no que participaron a tenente de alcalde monfortina, Gloria Prada, e a presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz.

EMPRENDEMENTO CREATIVO
Segundo explicou Gloria Prada, o obxectivo do evento é fomentar o emprendemento cultural e creativo como ferramenta de transformación social e económica, especialmente en territorios como a Ribeira Sacra, “onde se conxugan patrimonio, cultura, paisaxe, auga e gastronomía”. A representante do goberno local destacou que o alcalde de Monforte, José Tomé, apoiou a proposta desde o primeiro momento, destinando unha achega municipal de 5.000 euros para contribuír ao desenvolvemento do encontro.

ENTREGA DOS PREMIOS ESPAÑA CREATIVA – REDE ELÉCTRICA
A programación estenderase durante catro días e combinará foros profesionais, mesas de debate, actividades formativas, visitas culturais, experiencias no territorio e unha gala final de entrega dos Premios España Creativa – Rede Eléctrica. O evento, que terá como sedes principais Monforte e Sober, arrancará de xeito informal o xoves 26 cun encontro de participantes no Miradoiro de Cadeiras, onde terá lugar un recital da poeta Olga Novo e un catering de benvida.

FOROS PROFESIONAIS NO PARADOR DE MONFORTE
A inauguración oficial celebrarase o venres 27 ás 10 da mañá no Parador de Monforte, que tamén acollerá os cinco foros profesionais nos que se debaterán temas como a cooperación entre institucións, a sustentabilidade dos proxectos culturais, o financiamento das industrias creativas, o turismo cultural innovador ou o papel das artes e a creatividade no medio rural. Está prevista a participación de representantes de espazos de creación, empresas, redes culturais, administracións públicas e colectivos cidadáns.

PERCORRIDO TURÍSTICO POLA RIBEIRA SACRA
A xornada do domingo 29 estará centrada nas “vivencias no territorio”, cun percorrido pola Ribeira Sacra que inclúe visitas a adegas tradicionais, unha ruta polo románico e unha travesía en catamarán, coa intención de conectar cultura, paisaxe e comunidade.
Durante a presentación, Belén Elisa Díaz puxo en valor o compromiso do municipio co emprendemento cultural e agradeceu a implicación do goberno local. Pola súa banda, Gloria Prada salientou que encontros como este “serven para recoñecer e potenciar o talento local e para reforzar a identidade da Ribeira Sacra como territorio creativo, innovador e con futuro”.

VOLUNTADE DE CONTINUIDADE COMO ESPAZO DE REFLEXIÓN
A vocación do evento é consolidarse como un espazo anual de reflexión e acción arredor da cultura como motor de rexeneración territorial. A súa celebración en Monforte de Lemos e Sober aspira a visibilizar o potencial das contornas non urbanas para albergar proxectos innovadores, favorecer sinerxías e dinamizar a economía a través da creatividade.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Monforte converterase o 7 de setembro en meta da 15ª etapa de La Vuelta

Seguinte Nova

Noa Díaz competirá no Mundial de Eslovenia pese a unha lesión

Últimas noticias sobre EMPRENDEMENTO

Ir aInicio

Don't Miss