
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, reuniuse na tarde de onte con representantes das adegas que participarán do 4 ó 6 de xullo na sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. O encontro tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello e serviu para abordar en detalle os aspectos organizativos, estéticos e técnicos do certame, ademais de compartir as principais novidades desta edición.
Durante a xuntanza, o Alcalde explicou aos adegueiros o deseño renovado dos espazos e dos stands que cada adega ocupará no Paseo do Malecón, á beira do río Cabe, onde se celebrará o Festival, así como o deseño das zonas comúns para garantir unha experiencia agradable e funcional para os visitantes. Tal como xa fora anunciado en rolda de prensa, este espazo contará cun pórtico de entrada novedoso que dará a benvida ás persoas asistentes.
Un dos momentos centrais da reunión foi o sorteo público para decidir a ubicación de cada adega no recinto. A orde das adegas foi definida mediante a extracción dos seus nomes dunha caixa habilitada para o efecto, garantindo transparencia e igualdade. Así, a lista final establece a colocación desde Mauricio Lorca ata Alouviño, seguindo a orde establecida no sorteo.
O Alcalde destacou o compromiso dos adegueiros e agradeceu o seu interese e dedicación, subliñando que o Concello realiza unha importante inversión para apoiar a promoción do viño da Ribeira Sacra, así como a difusión da paisaxe, gastronomía, patrimonio e cultura local. Tamén resaltou a relevancia que o Festival ten para o comercio e a hostalería locais, xenerando un impacto económico significativo.
Pola súa banda, os produtores mostraron a súa satisfacción pola consolidación do Festival e valoraron o esforzo do Concello para manter e mellorar ano tras ano este evento, do que agardan unha afluencia multitudinaria durante a primeira fin de semana de xullo.
Respecto ao programa de actividades, o Festival inclúe, ademais da exposición e degustación de viños, unha variada oferta cultural e gastronómica. Haberá música en directo con actuacións de grupos locais e folclore tradicional, talleres de cata e maridaxe, visitas guiadas ás adegas e rutas turísticas pola Ribeira Sacra, así como obradoiros infantís para achegar esta festa ao público familiar. Tamén está prevista a celebración dunha feira artesanal con produtos da comarca e charlas divulgativas sobre a viticultura e a historia da denominación de orixe.
garantir a montaxe do certame, o Concello de Monforte informou que o Paseo do Malecón permanecerá pechado dende o domingo 30 de xuño. Os traballos incluirán a instalación dos stands, zonas comúns e a adecuación dos accesos para facilitar a mobilidade e seguridade durante o evento.•