A iniciativa permitirá viaxar por España e Europa entre o 1 de xullo e o 30 de setembro con importantes descontos

O Goberno central vén de poñer en marcha a terceira edición do programa Verán Xove, unha iniciativa que busca facilitar a mobilidade da mocidade durante os meses estivais. Desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro de 2025, as persoas de entre 18 e 30 anos, ambas idades incluídas, poderán beneficiarse de importantes descontos en distintos servizos ferroviarios de Renfe.
As rebaixas inclúen un 90% nos billetes sinxelos e de ida e volta dos servizos de Media Distancia e da rede de Ancho Métrico, un 50% nos títulos Avant e outro 50% nos trens comerciais como AVE, Avlo, Alvia, Intercity e Euromed, cun máximo de 30 euros de desconto por billete. Ademais, tamén se aplicará unha rebaixa do 50% no pase Global Flexible de Interrail de 10 días en dous meses, cando se adquira a través de Renfe.
Para acceder aos descontos, os mozos e mozas deberán rexistrarse na web oficial do programa, habilitada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. O proceso require introducir datos persoais e de identificación, e realizarse polo menos 24 horas antes da compra do primeiro billete. Unha vez validada a información, recibirán un código persoal e intransferible que deberán empregar en cada compra.
Como novidade, Renfe premiará aos membros do programa de fidelización Más Renfe cun billete gratuíto por cada dous viaxes realizados baixo esta promoción. Estes billetes poderán empregarse ata o 31 de decembro de 2025 en trens directos seleccionados de AVE e Larga Distancia, cun máximo de dous códigos por persoa.
Na edición de 2024, máis de 2,6 millóns de billetes foron vendidos ao abeiro do Verán Xove, o que supuxo un incremento do 29,8% respecto ao ano anterior. A compañía tamén comercializou máis de 7.150 pases Interrail con desconto, consolidando esta campaña como unha das máis exitosas para fomentar o turismo xuvenil.•