O espazo museístico volveu ser escenario dunha sesión do Consello da Cultura Galega e formará parte da programación estival da Rede Museística Provincial

Foto GPVDL.
O Pazo de Tor foi escenario dunha nova actividade promovida polo Consello da Cultura Galega, ao acoller o mércores da pasada semana a cuarta sesión das xornadas “Acceso á cultura en Galicia 2025”. A iniciativa, organizada pola Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais deste organismo, contou coa coordinación da xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, e xirou arredor da interseccionalidade como elemento clave para garantir un acceso real e equitativo á cultura.
Baixo o título “Acceso á cultura e interseccionalidade”, a xornada puxo o foco na necesidade de construír políticas culturais inclusivas, que teñan en conta as diferentes realidades sociais e identitarias da poboación. Participaron persoas expertas e representantes de entidades que traballan con colectivos diversos, desde a discapacidade até o ámbito migrante ou o xénero, como Cogami Lugo, Federación Autismo Galicia, FEAFES, ONCE, Secretariado Xitano, ACCEM, SINTRAHOCU ou Asociación Rioplatenses, entre outras.
A inauguración correu a cargo da deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, quen subliñou que “a organización destas xornadas polo Consello da Cultura Galega refrenda e recoñece un traballo polo acceso á cultura e a inclusión que é sinal de identidade dos museos provinciais desde hai dúas décadas”. Na sesión tamén estiveron presentes a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a coordinadora da comisión técnica responsable das xornadas, Paula Cabaleiro.
As intervencións desenvolveron un debate arredor das barreiras específicas que dificultan o acceso á cultura en diversos colectivos e permitiron recoller achegas en relación ao exercicio efectivo dos dereitos culturais.
Xunto a esta xornada, o Pazo de Tor prepara xa a súa participación no programa de actividades estivais da Rede Museística Provincial de Lugo, que se desenvolverá durante xullo e agosto. A programación, titulada “Cousas nosas”, inclúe campamentos, obradoiros creativos, cinema inmersivo, contacontos, xadrez, ioga ou accións interxeneracionais. Son propostas para todas as idades e buscan fomentar a creación, a convivencia e o coñecemento do patrimonio cultural. A deputada Iria Castro sinalou que “esta programación reforza o coñecemento e a vinculación da cidadanía cos museos, desde as primeiras idades, espertando o interese polo patrimonio e pola creación artística”. A información completa sobre as actividades pode consultarse en https://comunidadermpl.gal/ e nas redes sociais da Rede Museística. Moitas das propostas contan con prazas limitadas, polo que se require inscrición previa.•





