
O grupo provincial socialista tratou este xoves de pechar a ferida aberta pola ausencia de tres dos seus deputados no último pleno da Deputación de Lugo, unha situación que deixou momentaneamente en minoría ao goberno que preside José Tomé e que reavivou a sombra de divisións internas no partido. O secretario xeral dos socialistas lucenses e presidente provincial asegurou, tras unha reunión cos parlamentarios implicados, que o ocorrido “non debería ter pasado”, e atribuíu a situación a unha “falta de comunicación” que, segundo dixo, xa está encamiñada a solucionarse.
Os protagonistas da polémica son Iván Castro, portavoz en Paradela, Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz e José María Arias, rexedor de Castroverde. Os tres xa se enfrontaran a Tomé nas recentes primarias do partido pola secretaría xeral, e a súa ausencia nun pleno clave xerou especulacións sobre un posible cisma interno. A situación evocou a crise vivida hai anos con Manuel Martínez, tamén a raíz da xestión da residencia de Becerreá, que chegou a levar á popular Elena Candia á presidencia da Deputación.
A tensión interna coincidiu cunha nova ofensiva do Partido Popular, que volveu acusar aos socialistas de Lugo de “connivencia” coa presunta trama corrupta que envolve a varios exresponsables do PSOE a nivel estatal. A presidenta provincial do PP, Elena Candia, e a portavoz local, Katy Varela, aseguraron que “Monforte é a zona cero da corrupción do PSOE en Galicia”, tras coñecerse que a UCO investigou unha adxudicación ferroviaria entre Lugo e Monforte presuntamente influída pola trama de Koldo García.
Ante estas acusacións, José Tomé contraatacou solicitando a dimisión inmediata de Candia tras o arquivo definitivo da chamada operación Pulpo. O socialista acusou a líder provincial do PP de iniciar unha “persecución política” baseada nun anónimo “sen fundamento” que derivou nun proceso xudicial de 12 anos e un custo político “irreparable”. “Alguén que mancha o nome dunha institución para acabar cun rival político non merece representar á veciñanza”, sentenciou.
A situación vivida no pleno da Deputación, no que o goberno quedou en minoría ao non contar co apoio dos tres deputados ausentes, foi aproveitada polo portavoz popular Antonio Ameijide para intensificar as críticas. “Parece que saíu mal coser as costuras do PSOE a machetazos”, ironizou, preguntándose se “corren as augas tan revoltas no partido como no Sil cando andaban de paseo con Santos Cerdán”. O popular tamén destacou que Tomé non chegou a presentar a moción contra Candia anunciada días antes, suxerindo que “sabía que non tiña o respaldo do seu partido”.
O episodio evidenciou a falta de cohesión no seo do grupo socialista, que non conseguiu sacar adiante a memoria definitiva sobre a residencia de maiores de Becerreá. Dous días despois do pleno, a reunión do grupo socialista tratou de arrefriar a crise. Tomé compareceu ante os medios despois de máis dunha hora de espera e asegurou que o encontro foi “cordial e normal entre compañeiros de partido”. Indicou que os tres deputados lle trasladaron sensación de “incomunicación”, e comprometeuse a habilitar novos canles de contacto interno para evitar episodios semellantes. Reiterou que non haberá medidas disciplinarias contra eles e insistiu en que o goberno da Deputación manterá a súa estabilidade.
Malia as palabras de unidade, a oposición insiste en que o acontecido revela unha fractura interna difícil de ocultar. E aínda que Tomé asegura que “non se volverá repetir”, a imaxe dun grupo socialista dividido, a presión do PP e o conflito ao redor da residencia de Becerreá colocan ao presidente provincial ante un escenario político incerto.•