
O Concello de Quiroga vén de anunciar a ampliación dos horarios dos seus museos xeolóxico e etnográfico durante os meses de xullo e agosto, grazas á súa participación no programa de voluntariado xuvenil da Xunta de Galicia. Os centros abrirán de luns a venres de 10:00 a 14:00 h, e os sábados, domingos e festivos, o museo xeolóxico poderá visitarse de 11:00 a 12:00 h e o etnográfico de 12:00 a 13:00 h. Ademais, ofértanse visitas guiadas para grupos de dez ou máis persoas, concertadas previamente no teléfono 982 435 125 ou no correo cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es. Durante o mes de xullo celebraranse xornadas de portas abertas todos os mércores, con entrada libre e sen necesidade de inscrición. A programación inclúe tamén dúas actividades especiais dentro do plan «Descubrir Quiroga», financiado pola Deputación de Lugo. O domingo 27 de xullo terá lugar «Raíces e ritmos das montañas», con visitas aos museos, obradoiro de instrumentos tradicionais a cargo de Xavier Blanco e mostra de torneado de madeira. O 7 de agosto celebrarase «A arte é moi doce», unha proposta para público infantil que combina a ruta dos murais coa visita ao museo etnográfico centrada no mel, en colaboración con A Varrosa Mel. Estas actividades buscan dinamizar a oferta cultural e turística de Quiroga, promovendo o coñecemento do patrimonio local e a participación da comunidade. O Concello anima a todos os interesados a inscribirse e desfrutar destas iniciativas que poñen en valor a riqueza cultural da zona.´Máis información na web http://www.museosquiroga.org. •