
O Concello de Chantada acolleu o xoves da pasada semana unha reunión para avanzar na posible ampliación do servizo de hospitalización a domicilio (HADO) do Hospital Comarcal de Monforte aos concellos de Chantada e Carballedo. No encontro participaron o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, o xerente da área sanitaria, Ramón Ares, e os alcaldes de Chantada e Carballedo, Manuel Lorenzo Varela e Julio Yebra Pimentel, ademais de representantes municipais.
HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO
O servizo HADO permite que pacientes ingresados poidan continuar a súa recuperación nas súas casas, co seguimento médico e de enfermaría preciso. Actualmente funciona con persoal formado por unha médica e tres enfermeiras, atendendo a seis concellos da zona sur lucense, pero sen chegar aínda a Chantada nin Carballedo.
Manuel Lorenzo Varela destacou a vontade da Xunta de avanzar nesta cuestión. “Coincidimos na necesidade de implantar a HADO en Chantada e Carballedo. Estamos en boa sintonía coa Consellería, agora hai que resolver a falta de persoal”, sinalou o rexedor.•