
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou o cartel gañador das Festas Patronais 2025, deseñado por José Ángel Ligero Martínez. A obra foi seleccionada entre as 20 propostas recibidas na 39ª edición do concurso, que mantén o seu carácter aberto á participación cidadá desde 2015. O acto contou coa presenza da 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, da concelleira de Cultura, Marina Doutón, e do propio autor, que explicou a inspiración e simbolismo do seu traballo. O xurado, composto por representantes do ámbito social, educativo e cultural da cidade, valorou a forza expresiva do cartel, destacando o seu uso dunha ampla gama cromática e a capacidade para transmitir “alegría, cor e espírito festivo”. O alcalde sinalou que “o cartel das festas debe reflectir a vitalidade e felicidade que se vive en Monforte durante esas datas”.
Ligero explicou que a súa proposta busca representar a unión da veciñanza a través dunha imaxe icónica da cidade, onde cada cor e cada casa simbolizan a diversidade e a convivencia, todo envolto nun ambiente festivo con fogos artificiais. Agradeceu ao Concello a aposta por un concurso aberto, que “sitúa a Monforte no panorama nacional e favorece a calidade das propostas”. O cartel premiado recibirá unha dotación económica de 1.000 euros. As vinte obras presentadas serán expostas a comezos de agosto na Casa da Cultura. O Concello de Monforte agradeceu tamén a colaboración da empresa Gadis e da Deputación de Lugo no desenvolvemento do certame.•