O programa busca impulsar o turismo en torno aos encoros e crear experiencias turísticas arredor destes espazos fluviais

A Deputada de Turismo, Pilar García Porto, participou en Taboada na primeira das xornadas informativas do proxecto Turismo de Encoros de España, Turembalses, unha iniciativa estatal na que a Deputación de Lugo participa con financiamento europeo. A través deste programa, a institución provincial contará cun investimento de 127.500 euros para desenvolver unha proposta turística arredor dos encoros da provincia.
“Turembalses dotará ao turismo rural do noso territorio dun elemento de diversificación e atractivo”, destacou García Porto, quen tamén puxo en valor o patrimonio natural, cultural e histórico vencellado a estas infraestruturas.
Na sesión, celebrada no Cuartel Vello, tamén interveu o alcalde Roi Rigueira e representantes do sector turístico. Houbo tamén, organizada pola propia Deputación outras sesións informativas en Monforte e Negueira de Muñiz. O obxectivo das mesmas é informar aos axentes locais sobre os obxectivos do proxecto e as posibilidades de participación e promoción.•





