
A Pobra do Brollón conmemora este sábado 12 de xullo o décimo aniversario da Feira Guímara, unha cita que lembra a revolta popular contra o Conde de Lemos con actividades continuadas dende o mediodía ata a noite. O evento terá lugar no campo da feira xunto ao río Rubín, onde ás 12:00 horas comezará o pregón da xornalista Belén López Rodríguez, natural de Recemunde.
A seguir, veciños e veciñas escenificarán o alzamento guímaro. A música correrá a cargo da agrupación O Recanto, que animará o vermú e tamén a sobremesa. Durante a mañá, o CENTRAD ofrecerá demostracións de forxa e tornería tradicional.
Ao mediodía instalaranse mesas para que os asistentes xanten ao estilo romaría, podendo traer a súa comida ou mercar nos postos de polbo e foodtruck. A tarde incluirá xogos populares e un concurso con categorías infantil e adulta.
Ás 20:30 representarase o espectáculo circense Rogelio, e ás 22:00 pechará a festa o concerto da fanfarria feminina Brassica Rapa. Haberá tamén mercado artesanal con quince postos.•





