
A cría de porco celta constitúe unha das alternativas de desenvolvemento rural con maior potencial no interior da provincia. Un exemplo disto é a explotación situada en Teixeiro, no concello de O Incio, que destaca tanto polo seu tamaño como polas técnicas innovadoras que aplica. A granxa, promovida por Carlos Teijeiro, está considerada a de maior dimensión das asociadas a Asoporcel na provincia de Lugo, e trátase dun dos exemplos da dinamización que está a experimentar o rural galego que é un dos motores da economía da provincia.
Un dos aspectos máis salientables do proxecto é a recuperación de arredor de 30 parcelas pertencentes a distintos propietarios, algúns deles residentes en América, Europa e Oceanía, co obxectivo de crear espazos nos que os animais poidan desenvolverse ao aire libre, aproveitando os recursos do monte. O modelo aposta por un sistema de cría sostible, con solucións avanzadas para o tratamento de residuos, baseadas en procesos químicos, acción bacteriana e tecnoloxía ambientalde primeiro nivel para xerar o mínimo impacto no entorno. A actividade desta explotación contribúe ao asentamento de poboación no medio rural e á valorización dunha raza autóctona galega. O deputado provincial e alcalde de O Incio, Héctor Corujo, tamén agradeceu aos impulsores desta iniciativa que “apostasen por un concello como O Incio, onde queremos medrar a través do asentamento de iniciativas empresariais, o mellor camiño para poder atraer poboación, dándolles as oportunidades que buscan para que poidan iniciar un proxecto de vida”.•





