
O Grupo Municipal Popular de Quiroga comunicou o nomeamento de Adrián González como novo voceiro, tras a renuncia de José Manuel Pol como concelleiro. A decisión foi trasladada á presidenta local do partido, Rosa Arza, e á presidenta provincial, Elena Candia, nunha reunión celebrada esta semana. González, de 32 anos e vencellado ao eido deportivo, agradeceu a confianza dos compañeiros e comprometeuse a exercer o cargo “dende a responsabilidade que merecen os veciños e veciñas de Quiroga”. O novo portavoz expresou tamén o seu desexo de “aportar o meu gran de area, con ilusión e ganas de traballar”, nun equipo que pretende recuperar a maioría nas próximas eleccións. A acta vacante será ocupada por Andrés Campo, novo integrante do grupo popular. Candia e Arza destacaron “a implicación” de González e fixeron un chamamento a traballar “dende a humildade e a proximidade coa veciñanza”.•





