
O Concello de Bóveda levará a cabo nas próximas semanas a renovación da cuberta da Casa da Cultura, logo de obter unha axuda da Xunta por un importe de 51.272 euros. A actuación será financiada integramente pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que asume o 100% do orzamento a través dun convenio de colaboración asinado recentemente polo alcalde, José Manuel Arias, e o conselleiro José López Campos.
O obxectivo da intervención é resolver os problemas estruturais que presenta a cuberta do edificio, especialmente as goteiras detectadas nos últimos anos, e garantir así unhas condicións óptimas para o desenvolvemento da programación cultural municipal. O rexedor subliña que se trata dunha actuación “prioritaria” nun inmoble que abriu as súas portas a finais dos anos noventa e que é “un dos espazos públicos máis utilizados pola veciñanza”.
Segundo recolle o convenio, a mellora da cuberta e o reforzo estrutural permitirán ao Concello seguir ofertando unha programación cultural variada e de calidade. A Casa da Cultura alberga tamén a Biblioteca Pública Municipal e o Punto de Atención á Infancia, e acolle regularmente cursos, obradoiros e actividades diversas. “Os traballos van permitir mellorar a calidade interior da edificación”, sinala Arias, que prevé que as obras estean rematadas antes do inverno. •





