Entrevista a Pierrez, de Doc Magoo’s

A banda monfortina de Rock and Roll cumpre 25 anos enriba dos escenarios

Con máis de 25 anos sobre os escenarios, a banda monfortina fai versións dos grandes do rock internacional: Neil Young, The Doors, Rolling Stones, Beatles, Prince o Lenny Kravitz. (Foto HP).

Doc Magoo’s é unha banda de rock and roll de Monforte que celebra en 2025 os seus 25 anos nos escenarios. Nacida nos anos 2000 como grupo de versións de rock clásico, a formación evolucionou incorporando novos membros e sons, como o órgano Hammond de Pierrez ou a harmónica de Miguel Luaña, que lle deron unha identidade propia.
A actual formación inclúe a Franki (guitarra), Fran «Renegado» (voz e guitarra), Marcos «Napo» (baixo), Pistón (batería), Miguel Luaña (harmónica) e Pierrez (teclados). Xuntos versionan grandes nomes como Neil Young, Rolling Stones, The Doors, Beatles ou Prince.
Para celebrar este aniversario, a banda prepara un segundo semestre de 2025 cheo de concertos, hoxe venres actuan na Sala Jagger de Lugo, e tamén estarán no Festival Son do Arnoia (1 de agosto) e no Carude Rock (9 de agosto, Monforte de Lemos). Despois de 25 anos seguen a buscar que cada actuación sexa tan especial coma a primeira.

P: Como foron os inicios dos Doc Magoo’s? Como vos definiríades como banda?
R: Nós formámonos no 2000. Franki e máis eu xa tocabamos xuntos a principios dos noventa en Yellow Pixoliñas, deixamos o grupo, e despois dun “bypass” de un par de anos, decidimos pasar dos temas propios e montar este proxecto. Durante estes anos pasaron multitude de músicos, todos amigos, pois para nós o principal é ter unha boa relación coas persoas que tocan connosco. Isto non é un tema profesional, é un hobby, e con esta formación xa levamos máis de 6 anos ou 7, menos Fran (o guitarrista), que entrou hai máis ou menos dous anos, e estamos encantados con el. En canto aos directos, facemos directos de entre unha hora/unha hora e corenta ou dúas horas, segundo como se presente o ambiente, e bueno, o que maioritariamente facemos son versións da música dos 60 e os 70, como The Rolling Stones, The Beatles, Neil Young… Claro, en 25 anos que levamos o repertorio que temos é brutal. Isto é un hobby, e non temos ningunha pretensión maior que querer pasalo ben e que a xente o pase ben connosco.

P: Como comentabas antes, dádelle moita importancia ao plano humano, a gardar unha boa relación con cada membro do grupo, se se incorpora recentemente ou leva xa tempo na formación, e cada músico traerá o seu propio estilo, influencias… Como se encaixan todos estes aspectos na dinámica do grupo?
R: Sinceramente, esa é a parte de Franki, que é quen leva os arranxos e demais, pero tampouco é moi diferente. Ao final, os clásicos de sempre gústanlle a todo o mundo, pero isto é unha democracia, fálase entre todos, apróbase, e quizais haxa cancións que non nos convencen como nos soan, por esixencia ou polo motivo que sexa, e se é así prescindimos delas. Os grupos son unha unidade, así que hai que preparar o repertorio para que poidamos tocar todos. É verdade que cada membro que entra adoita propoñer dous ou tres temas, prepáranse e tócanse. Vai todo bastante unificado, porque a todos nos gusta o rockandroll, entón tampouco houbo nunca grandes discrepancias. Eu persoalmente levei temas que non me gustaban tanto, pero tampouco ten maior historia, porque os temas non son meus. Se fosen cancións propias doeríache un pouco máis, pero non é o caso. Se o que se busca é facer un repertorio uniforme, por exemplo, se metemos un tema de The Police quizais non encaixe do todo co que facemos, pero se nos apetece tocalo tocámolo, porque tampouco desentoa co noso repertorio. Tamén facemos algún tema en castelán, aínda que non sexa moito o noso, porque non se amolda ao que facemos e somos como grupo.
P: Por que decidistes que este grupo fose unicamente un grupo de versións?
R: Eu podo darche unha opinión miña moi persoal, non podo dicirche dos demais. Franki e máis eu somos os que quedamos de cando comezamos no 2000, pero había outros membros daquela, entón é algo moi persoal. Os temas propios son complicados, porque os estilos de cada un son diferentes, e non é fácil decidir por onde tiras. Ao final, é moi difícil facer un tema e que a todo o mundo lle apeteza tocalo, e iso fai mella, porque igual estás tocando unha canción do repertorio que quizais non che apetece moito e segues a rutina. Por outra banda, tamén decidimos que fose así porque queriamos a gratificación rápida, cando comezamos non había tanto grupo de versións, e agora hai miles. En todo caso, agora facemos o que facemos por dinámica. Si que é certo que hai uns anos fixemos tres temas propios, gravámolos e aí quedaron, para quitarnos a espiña. Aparte, para facer os temas propios ben requiren dun gran traballo por parte de quen os compón, e non todo o mundo é capaz de compoñer, e a quen compón quizais xa non lle apetece tanto (risas). A min résúltame mellor así; hai dez anos estiven con Mitocondrias, que tocaban temas propios e gravei un disco con eles e está ben, pero agora mesmo non me plantexo iso nin de lonxe. En todo caso, reitero que é a miña opinión, non a dos Doc Magoo’s como tal, pero si que é verdade que o grupo non se plantexou como tal, e así mantivo esa dinámica durante os últimos 25 anos.

P: A última pregunta ten que ver co 25º aniversario que cumprides este ano. Que se vos pasa pola cabeza ao facer retrospectiva da vosa traxectoria como banda?
R: Sabes o que pasa, cando tes unha idade, 25 anos non, pero 10 anos vívense coma se fose onte (risas), pero os 25 anos páraste a pensar neles e dásche conta de que é moito tempo. Ao final, o que se celebra é a amizade, é dicir, son 25 anos xuntos, 25 anos nos que tivemos un montón de vivencias divertidas, moi poucas malas, e se me preguntas agora non recordo ningunha, con moi boa complicidade, e pasándoo moi ben. Realmente, a idea é que 25 anos pasaron fogueados, pero non só no grupo, senón na vida en xeral, e non creo que sexan outros 25, porque me iría aos 77 e non me apetece (risas), pero bueno, está ben porque non deixa de ser unha historia de amigos. Cando imos tocar, o importante para nós é cear todos xuntos, viaxar xuntos, se queremos levar ás familias facémolo todos xuntos… é un plantexamento un pouco diferente. Si que ás veces facemos concertos de ida e volta, pero non é a idea. A idea é ir tocar á costa e pasar unha fin de semana coa familia na costa, por poñerche un exemplo. Así tamén é máis fácil que os grupos duren, porque ao non haber uns obxectivos económicos grandes, nin uns obxectivos de grupo como pode ser sacar un disco cada ano ou cada dous anos, as tensións disólvense porque non as hai. Ao final, considero que somos un bo grupo, soamos moi ben, dentro das nosas posibilidades facémolo de carallo. Non somos uns musicazos da leite, pero facémolo moi guai igualmente, e non temos maior pretensión que conseguir que a xente o pase ben e que nós pasemos un rato agradable.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A XXI Feira Outrora de Rubián regresa o luns con máis de 35 postos

Seguinte Nova

O Festival do Viño da Ribeira Sacra enche o Malecón de Monforte e consolídase como destino enoturístico galego

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Xoel López

Falamos con Xoel López, célebre cantante e compositor coruñés que comprende a esencia da música como un sentimento de dimensións universais P:
Ir aInicio

Don't Miss