
A Casa da Cultura Lois Pereiro acolleu este luns a décima edición da Gala do Deporte de Monforte, un acto que serviu para recoñecer o traballo e os logros acadados por deportistas, adestradores e clubs locais ao longo do ano 2024. Cun salón de actos ateigado de público, familiares e representantes da corporación municipal, o evento homenaxeou a dez persoas e entidades do mundo deportivo, seleccionadas entre trinta candidaturas presentadas.
A nadadora Andrea Gudín Pérez foi distinguida como mellor deportista feminina promesa, mentres que o premio ao mellor deportista masculino promesa recaeu ex aequo en Gael Díaz de la Fuente e Gabriel Pinto Álvarez. O recoñecemento ao xogo limpo foi para Manuel Besteiro Rodríguez, e a árbitra mellor valorada foi Icía Marcos García. En canto á categoría de base, foron premiadas as categorías inferiores do Club Natación Monforte, e como mellor equipo absoluto destacou o grupo de veteranas do Club Baloncesto Val de Lemos.
RECOÑECMENTO PARA LUCÍA ROCA RODRÍGUEZ E IKER FERNÁNDEZ CODESIDO
Lucía Roca Rodríguez e Iker Fernández Codesido foron elixidos como mellores deportistas absolutos, nas categorías feminina e masculina, respectivamente. O galardón ao mellor adestrador foi para José María Vega, mentres que o Club Taekwondo Neka foi distinguido como o mellor club do ano. Ademais, fíxose unha mención especial, fóra de concurso, a Elena Sánchez Iglesias pola súa traxectoria.
Durante o acto, conducido por Manola Porto, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca salientou o “bo momento que está a vivir o deporte monfortino” e destacou o esforzo de deportistas e clubs para levar o nome da cidade “vencellado ao éxito”. Tomé puxo tamén en valor a aposta do Concello polo deporte, cun investimento global de máis de 152.000 euros en axudas a clubs, deportistas e participación en campionatos, ademais da mellora de infraestruturas como o pavillón e a piscina climatizada de A Pinguela.
“O deporte é saúde, esforzo e valores que fortalecen a sociedade”, afirmou o rexedor, quen rematou a súa intervención felicitando a todas as persoas galardoadas e agradecendo o labor das entidades deportivas locais.•





