
Ana Pontón reclamou esta semana ao Goberno galego que reforce a atención sanitaria nos concellos que experimentan un notable incremento de poboación durante o verán. A líder do BNG advertiu de que, fronte a esa necesidade, a Xunta continúa aplicando recortes, reducindo camas hospitalarias e limitando servizos.
“A atención primaria e os PACs precisan máis persoal para atender a demanda estival”, afirmou. Pontón instou ao Executivo a manter operativas todas as prestacións, incluídas as probas diagnósticas e os quirófanos, e a realizar as contratacións necesarias. “Se non se contrata, agrándanse as listas de espera”, advertiu.
Tamén reclamou condicións laborais dignas para evitar a fuga de profesionais, asegurando que a precariedade é o principal problema do sistema. “O persoal sanitario é o mellor que temos, pero leva anos sufrindo maltrato”, denunciou.•



