O Festival do Viño da Ribeira Sacra enche o Malecón de Monforte e consolídase como destino enoturístico galego

Monforte acolleu do 4 ao 6 de xullo a sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra. Foto MONTERO.

Monforte acolleu do 4 ao 6 de xullo a sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, unha cita consolidada que volveu reunir profesionais e afeccionados arredor dun produto clave para a economía e a cultura da comarca. O evento desenvolveuse no paseo do Malecón, convertendo este espazo nun punto de encontro para o desfrute e o recoñecemento dos viños da denominación de orixe Ribeira Sacra, ademais da gastronomía local e actividades paralelas dirixidas a públicos de todas as idades.
A programación contou coa presenza de trinta adegas que representan ás distintas subzonas da D.O., mostrando unha ampla variedade de viños con denominación de orixe controlada, desde Mencía ata Godello, así como outras variedades autóctonas que posicionan a Ribeira Sacra entre os referentes vitivinícolas do país. Esta diversidade reforzou a proposta do festival, que busca ofrecer unha experiencia integral para os visitantes, combinando a degustación con coñecemento e lecer.
No apartado gastronómico, doce postos distribuídos polo recinto achegaron produtos da zona, entre queixos artesáns, embutidos, xeados e elaborados máis complexos por parte de restaurantes locais, contribuíndo á harmonía entre sabores e viños e promovendo os produtos da comarca. Esta oferta permitiu que o público complementase a experiencia da cata cunha proposta culinaria representativa da tradición e innovación gastronómica do territorio.
A participación do público foi notable ao longo dos tres días, con visitantes locais, da provincia e doutros puntos de Galicia e España, interesados tanto na degustación como nas actividades paralelas. Entre estas, destacaron os obradoiros infantís, as VinoRutas pola Ribeira Sacra —que permitiron coñecer de primeira man os viñedos en terrazas e a paisaxe singular— e as sesións formativas para adultos, con obradoiros e unha masterclass centrada na cata de viños, que contaron cunha ampla aceptación.
Esta oferta complementaria reafirmou o compromiso do Concello de Monforte e do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra para converter o festival nun escaparate anual que promocione o viño como eixo dinamizador económico e turístico.

VALORACIÓN DO ALCALDE
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de facer unha primeira valoración institucional da sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, celebrada o pasado fin de semana na cidade. Na súa intervención, puxo o foco no labor organizativo desenvolvido polo Concello, no compromiso do sector vitivinícola co evento e na proxección que o certame está a ter fóra do ámbito local e mesmo autonómico.
Un dos aspectos que Tomé quixo salientar foi o crecemento sostido do Festival, especialmente desde o ano 2019. Segundo explicou, nas últimas cinco edicións practicamente se duplicou o número de tickets vendidos, o que, na súa opinión, confirma que as decisións adoptadas polo Goberno local en materia de promoción do viño “están a dar resultado”.
O rexedor tamén puxo en valor a implicación das trinta adegas participantes, que lle trasladaron a súa satisfacción coa organización e co formato do evento. “Hai un interese real por parte do público nos nosos viños, nos procesos de elaboración e nas características que os fan únicos, e iso é algo que as adegas valoran moi positivamente”, afirmou.
Nese sentido, Tomé destacou que moitos dos visitantes acudiron ao recinto con coñecementos previos sobre as marcas e as novidades das adegas da Denominación de Orixe, e que ese perfil “axuda a fidelizar o consumo e a dar visibilidade ao traballo dos produtores”.
O alcalde referiuse tamén aos stands gastronómicos, que, segundo indicou, lle transmitiron a súa vontade de repetir experiencia e cualificaron o evento como “único en Galicia” polo seu funcionamento e nivel organizativo.
No tocante aos concertos e ás actividades paralelas, Tomé destacou a boa acollida da ampliación do horario de peche e a alta demanda das catas de iniciación, en especial a dirixida por Suso Soneira o pasado domingo.
Finalmente, fixo referencia ao investimento económico asumido polo Concello, que supera os 220.000 euros entre a organización e as accións de promoción dentro e fóra de Galicia. “É un investimento que ten retorno económico e turístico, e que contribúe a dar a coñecer Monforte e a Ribeira Sacra”, apuntou.
Segundo indicou, o goberno municipal xa traballa na oitava edición.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Entrevista a Pierrez, de Doc Magoo’s

Seguinte Nova

A mina de Magnesitas de Rubián consolídase como referente industrial sostible en Galicia

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Xabier Quiroga

O escritor do Saviñao vén de publicar Alguén ao lado, una novela fundada na conxugación de sentimentos fundamentales e idiosincrasia galega Falamos
Ir aInicio

Don't Miss