
Segue coleando o asunto do peche do Anchoas, un tema que tomou gran protagonismo no último pleno municipal ao debatirse unha moción do BNG que pedía que o goberno local buscara alternativas para reabrir este popular merendeiro do Malecón, un espazo que durante seis décadas formou parte esencial da vida da cidade. Porén, a resposta do alcalde, José Tomé Roca, foi contundente ao negar a implicación do concello no peche, afirmando que desde o seu mandato o Anchoas abrira cada ano sen problemas. Segundo explicou, o motivo do peche é un expediente aberto pola Confederación Hidrográfica, que xurdiu, según parece, a raíz dunha denuncia anónima, e sinalou que o local xa estaba pechado cun cartel de alugase, polo que non é responsabilidade municipal a súa clausura actual. O rexedor aproveitou para destacar a escasa mobilización social convocada para evitar o peche, en alusión á baixa participación na iniciativa promovida polo BNG.
Desde o BNG, o concelleiro Manuel Luaces subliñou durante o debate a perda constante do patrimonio inmaterial e simbólico da cidade, manifestando preocupación pola desaparición dun referente tan querido e emblemático como o Anchoas. Tamén recibiu o apoio de Germán Vázquez, de Esperta Monforte, quen comparou a imposibilidade de manter este espazo coa licenza para proxectos faraónicos en Ribas Altas, a apenas 800 metros, e pediu que se buscara unha solución para conservar esta parte da memoria local.
Mesmo o Partido Popular apoiou a moción do BNG, aínda que finalmente foi rexeitada tras o voto en contra dos socialistas. Ibán Torres, concelleiro do PSdeG, destacou que a construción dunha nova ponte no Malecón será o que verdadeiramente simbolice a modernidade e o futuro da cidade.
Ata o momento, estou a contar os feitos e posturas, pero o certo é que o peche do Anchoas supón a desaparición dun dos últimos piares da memoria colectiva de Monforte. A evolución e o cambio son inevitables, pero tamén debe selo manter a a nosa identidade como pobo, temos o deber de conciliar o progreso coa conservación do noso legado. Cidades con historia e personalidade, como a nosa, non só se conforman cos seus monumentos, senón tamén co seu patrimonio inmaterial: as festas, as tradicións, as linguas, os acentos, a música e todo aquilo que conforma a alma dunha comunidade.
O patrimonio inmaterial é tan importante ou máis que os monumentos, porque a pedra resiste o paso do tempo, pero as costumes e os saberes viven na memoria das persoas e corren o risco de perderse se non se transmiten ás novas xeracións. Temos na nosa man decidir se queremos que as nosas vilas sexan simples reproducións urbanísticas miméticas, ou se preferimos defender o dereito a ser diferentes, auténticos e únicos.
Non se pode reducir o valor do Anchoas a unha cuestión legal ou administrativa. Non podemos ignorar que detrás deste local hai unha historia que conforma a identidade da nosa cidade. Perder un espazo así é descoidar a nosa propia cultura e, paradoxalmente, a aprendizaxe do pasado é o que nos permite avanzar cara ao verdadeiro progreso.
Pontes metálicas hai moitas, pero lugares como o Anchoas, que forman parte da nosa memoria, son irrepetibles. Mágoa que pareza que non sexamos capaces de recoñecer o seu valor antes de que desapareza definitivamente.•





