
Foto GPPP.
O Partido Popular lucense manifestou a pasada semana en Monforte a súa preocupación pola aparición da cidade nos informes da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil relativos a presuntas irregularidades en contratos ferroviarios. O deputado no Congreso Francisco Conde e a portavoz municipal Katy Varela compareceron en rolda de prensa para reclamar “transparencia e responsabilidades políticas” ante unha situación que, segundo o PP, vincula directamente a Monforte coa “corrupción do PSOE”.
Conde sinalou que os contratos baixo sospeita afectan a actuacións na liña ferroviaria entre Monforte e Lugo, cun investimento público superior aos sete millóns de euros. “Solicitamos o acceso aos expedientes para coñecer con detalle o alcance das actuacións mencionadas pola UCO”, indicou. O deputado reclamou ademais explicacións ao PSOE tanto a nivel provincial como estatal, insistindo en que “estes feitos non teñen cabida nunha xestión pública responsable”.
Pola súa banda, Katy Varela puxo o foco na preocupación xerada pola prisión preventiva de Santos Cerdán, a quen describiu como “persoa próxima a Tomé”. Criticou tamén que o alcalde “se alíñe con Pedro Sánchez” e manteña o apoio a Isabel Pardo de Vera, quen foi nomeada pregoeira das festas locais “a pesar do abandono dos compromisos coa liña Ourense-Lugo”.
Ambos reclamaron que se reactive a conexión ferroviaria directa con Ourense e denunciaron a falta de avances nas variantes e na electrificación da liña ferroviaria.•






