A Xunta incluirá as comarcas de Sarria e Lemos no novo Plan de Sendas de Galicia

A Xunta prevé licitar antes de final de ano os contratos de servizo para redacción de todos os proxectos necesarios para completar o Plan. Foto GPXG.

As comarcas de Sarria e Lemos figuran entre as zonas nas que a Xunta de Galicia prevé actuar dentro do novo Plan de sendas, aprobado polo Consello da Xunta e que contempla a execución de 122,93 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas ata o ano 2027. A iniciativa, que suporá un investimento global de preto de 69,7 millóns de euros, enmárcase na Estratexia Galega de Mobilidade, coa que o Executivo autonómico busca fomentar desprazamentos sostibles e seguros. Na provincia de Lugo, o plan inclúe actuacións en varios puntos, entre eles os concellos de Sarria e Monforte de Lemos, onde se proxectan novos tramos de senda que permitirán mellorar a conexión entre núcleos e facilitar o uso de modos de transporte non motorizados. Estas intervencións, segundo a Xunta, contribuirán a reducir o tráfico rodado, mellorar a seguridade viaria e promover hábitos de vida saudables. A selección das actuacións realizouse tras unha análise das infraestruturas existentes e da demanda potencial, priorizando aquelas zonas cun maior impacto previsto. “As sendas non só melloran a mobilidade, senón que tamén teñen un valor social, ambiental e turístico”, sinalan desde a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. O novo plan dá continuidade ás fases anteriores, que permitiron construír case 300 quilómetros de sendas en toda Galicia cun investimento de 144 millóns de euros. A experiencia acumulada e o recoñecemento europeo recibido en 2024 pola súa contribución á seguridade viaria reforzan a aposta da Xunta por este modelo. Na selección de actuacións partiuse da revisión e análise das infraestruturas existentes e plans previos para a selección e identificación de áreas prioritarias baseadas en criterios de demanda, accesibilidade e coherencia coa Estratexia Galega de Mobilidade, que permitiron a clasificación das actuacións en niveis de prioridade (alta, media e baixa) segundo factores como o impacto potencial, a seguridade e a viabilidade técnica. •

SEGURIDADE VIARIA

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha unha nova estratexia para reducir os denominados tramos de concentración de accidentes (TCA) na rede autonómica de estradas. Esta iniciativa, aprobada polo Consello da Xunta en maio de 2024, busca dar continuidade ao traballo iniciado en 2017, que permitiu diminuír significativamente os puntos de maior risco na rede viaria. Segundo os datos do Goberno galego, a lonxitude total destes tramos pasou de 87,7 quilómetros en 2016 a 39,4 km en 2022, o que supón unha redución de máis de 48 km.
A estratexia actual toma como referencia os TCAs detectados no ano 2021, sobre os que se realizou un estudo detallado para analizar as causas da sinistralidade e determinar as actuacións máis eficaces. O plan contempla intervencións en 21 treitos, que suman 33,7 quilómetros, cun investimento estimado de preto de 6,5 millóns de euros. Estes fondos contarán co cofinanciamento do programa FEDER 2021-2027.
Esta nova folla de ruta súmase á estratexia previa iniciada tras a resolución unánime do Parlamento de Galicia en 2017, que instaba á Xunta a actuar sobre os puntos de maior risco e protexer aos usuarios máis vulnerables. Desde entón executáronse 35 actuacións, das cales 33 están xa finalizadas e as dúas restantes en proceso de reformulación. O investimento mobilizado ascende a 14,4 millóns de euros, superando nun 16% a previsión inicial.
Entre os traballos realizados, destacan a reforma de 119 interseccións en vías autonómicas —incluíndo a construción de 24 novas rotondas— e a mellora de 138 pasos de peóns en accesibilidade e seguridade. A Xunta subliña que as actuacións acometidas contribúen a acadar o obxectivo de contar con “estradas que perdoen”, capaces de minimizar as consecuencias dun erro ao volante sen precisar elementos como gardarraís para motoristas.
Ao tempo que se lanzan novas actuacións sobre treitos perigosos, a Consellería continúa executando outras obras centradas na seguridade viaria. Entre elas, están en fase de execución melloras na estrada LU-903 en Doade (Sober).As obras acometidas nos últimos anos tiveron lugar nun contexto de expansión da rede viaria galega e tamén de crecente atención á súa conservación. Neste sentido, a Xunta anuncia que ao longo deste ano destinará un 8% máis de recursos ao mantemento e mellora das estradas autonómicas, conscientes de que o bo estado das vías é clave para garantir a seguridade e facer fronte aos efectos do cambio climático.
Todas as novas infraestruturas se deseñan baixo criterios de seguridade viaria, exemplo delo é a conversión en autovía do corredor do corredor Nadela-Sarria.
No marco do Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, a Xunta tamén vén desenvolvendo campañas de sensibilización dirixidas a colectivos vulnerables como os motoristas. Desde 2017, a Axencia Galega de Infraestruturas organizou 20 cursos gratuítos de condución segura, nos que participaron 800 motoristas de diferentes puntos de Galicia. Estes cursos procuran reforzar as habilidades ao manillar, a análise de riscos e a capacidade de anticipación, contribuíndo así a reducir a sinistralidade.
A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa “seguridade viaria, que é unha prioridade absoluta”, pois está en xogo “a integridade e a vida das persoas”. Por iso, destaca que continuará reservando cada ano partidas orzamentarias específicas para seguir avanzando cara a unha mobilidade máis segura e sostible.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Convocado o XIX Certame de Investigación Condado de Pallares

Seguinte Nova

Publicadas as axudas para a colleita en verde da viña en Galicia en resposta ao excedente de tinto

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss