O centro busca promover a eficiencia de todas as actividades relacionadas co uso e a explotación do medio mariño públicas

Con sede en Vigo, o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR cumpre máis de dúas décadas traballando pola mellora do medio mariño e das condicións das comunidades vencelladas ao mar. Desde a súa creación en 2001 por iniciativa da Xunta de Galicia e do Goberno central, este organismo consolidouse como unha entidade de referencia no ámbito da investigación mariña e da cooperación interinstitucional, participando en máis de 900 proxectos con socios de 61 países.
O obxectivo do centro é contribuír á sustentabilidade e competitividade do sector marítimo e pesqueiro, actuando como plataforma de coordinación entre administracións, universidades, centros de investigación e empresas. As súas actuacións abranguen desde a transferencia tecnolóxica ata a formación, a asistencia técnica, a gobernanza ou a cooperación internacional, aliñadas con seis liñas estratéxicas fundamentais: innovación e coñecemento, políticas públicas, dinamización do tecido produtivo, sostibilidade ambiental, seguridade alimentaria e cambio climático.

O persoal do CETMAR está integrado por 53 profesionais de distintas disciplinas estruturados en oito áreas de traballo. Entre elas figuran a xestión ambiental e dos recursos mariños, a tecnoloxía pesqueira, a economía azul ou a observación costeira. Tamén desenvolve actividades relacionadas coa valorización de subprodutos mariños, a seguridade alimentaria e a formación especializada, así como con proxectos de cooperación en terceiros países no ámbito da pesca e a acuicultura.
Na actualidade, o centro participa en medio cento de proxectos e servizos en diferentes niveis. Entre eles destaca o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, que cun orzamento de 10 millóns de euros integra a 250 investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, varios centros do CSIC e outras entidades públicas. “É un exemplo do noso papel como articuladores do coñecemento mariño no sistema galego de I+D”, sinalan desde a dirección do centro.
No marco deste programa, CETMAR desenvolve liñas de traballo centradas na observación do medio mariño, a acuicultura sostible e a economía azul. A súa experiencia en predición oceanográfica e meteorolóxica vén sendo clave para o funcionamento do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, xunto con MeteoGalicia e Intecmar. Esta actividade permite mellorar a resposta ante fenómenos extremos, reforzar a resiliencia costeira e optimizar a xestión dos recursos mariños.
Outro dos encargos actuais do centro é a oficina técnica de seguimento da Estratexia Galega de Economía Azul, labor asumido a petición da Consellería do Mar. Neste eido, CETMAR é responsable de avaliar a evolución desta folla de ruta, apoiar a súa implementación e achegar os resultados á sociedade.
A Fundación está rexida por un Padroado no que participan a Xunta de Galicia, o Goberno central, as universidades galegas, centros de investigación como o IEO ou o CSIC, e representantes do sector pesqueiro como Conxemar. Todos eles colaboran para seguir facendo do CETMAR unha ferramenta útil ao servizo do mar e das persoas que viven del.•





