
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou a pasada semana no acto de clausura do Encontro da Toxa – Galicia Economía Aberta, un foro de referencia no eido económico e empresarial celebrado na Illa da Toxa, organizado por CESUGA. O evento reuniu durante dúas xornadas máis de medio cento de relatores de prestixio, que abordaron temas como a sustentabilidade como vantaxe competitiva, a internacionalización do talento ou a transformación dixital da industria galega.
No marco deste encontro, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, interveu na presentación do Anuario de Economía 2025 e agradeceu o traballo do Foro Económico de Galicia, ao que definiu como unha ferramenta clave para comprender a evolución da economía galega. Rueda puxo en valor a estabilidade política, fiscal e orzamentaria como elementos decisivos para atraer investimento e consolidar o liderado económico da comunidade.
O titular do goberno galego sinalou que Galicia é a única comunidade que está a acelerar o seu crecemento, cun incremento do 2,8% no ano 2024, e liderando o aumento do PIB per cápita entre 2009 e 2023 cunha suba acumulada do 41%, fronte ao 33,8% da media estatal. Tamén destacou que Galicia supera o PIB previo á pandemia nun 11,2%, fronte ao 8% nacional.
En materia laboral, salientou que a comunidade encadea tres meses cun nivel de paro historicamente baixo e supera os 1,1 millóns de afiliacións á Seguridade Social. No ámbito exterior, subliñou os datos récord das exportacións galegas, que superaron os 30.000 millóns de euros en 2024, cun incremento do 3% respecto ao ano anterior. A previsión para 2025 apunta a un crecemento do 6,6%, case o triplo da media española.
A clausura rematou coa entrega do Premio Empresario Galego do Ano a José García Costas, presidente da Cámara de Comercio de Vigo, Vilagarcía e Pontevedra.•



