
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez presentou a convocatoria de axudas destinadas a subvencionar gastos de asesoramento técnico, xurídico, acondicionamento de terreos, así como gastos notariais e de rexistro. O obxectivo é promover instrumentos para a mobilización e recuperación da terra agraria, especialmente as permutas de especial interese agrario e os polígonos agroforestais de iniciativa privada.
Estas axudas contan cun orzamento de 100.000 euros para 2025 e 2026. Subvencionarán ata 15.000 euros por gastos técnicos e ata 3.000 euros por gastos notariais e rexistrais.
Unha das novidades desta convocatoria é a inclusión das axudas para gastos de asesoramento técnico e xurídico, moi demandadas polos propietarios. Tamén se incorporan os polígonos agroforestais e outros instrumentos que favorezan a mobilización de terreos para uso agrario ou forestal.
Rodríguez valorou as solicitudes de especial interese agrario para permutas de terraws destinadas ao aproveitamento forestal, aumentando a superficie continua e reducindo custos de mantemento e explotación das masas forestais, o que repercute positivamente no valor da madeira.
Poden optar a estas axudas persoas físicas, agrupacións e comunidades de bens que declaren o interese agrario da permuta e presenten o proxecto correspondente. No caso dos polígonos agroforestais, é necesario o acordo do 70 % dos propietarios, acreditar infrautilización do 50 % da superficie e iniciar o expediente na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2026. As axudas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva.•





