
O Concello de Chantada iniciará nas próximas semanas a reforma da Praza Luis García Arias, situada nas proximidades do Polideportivo Municipal. A actuación responde ás demandas veciñais e busca transformar este espazo, reformado hai quince anos, nun lugar máis funcional e adaptado ao uso actual.
O novo proxecto contempla a creación dun parque infantil, zonas verdes e áreas de descanso, eliminando os chanzos entre plataformas para mellorar a accesibilidade.
A intervención contará cun orzamento de 75.000 euros, dos cales 40.000 serán achegados pola Xunta de Galicia e o resto polo Concello.
O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, destacou que “a humanización da praza permitirá crear un espazo máis atractivo e acorde co modelo de vila que queremos”.•





