
O parque Eloísa Rivadulla acolleu esta semana a presentación oficial da 51ª Subida a Chantada, que se desenvolverá entre o venres 25 e o domingo 27 de xullo. A cita automobilística, organizada pola Escudería Chantada, contará nesta edición cun total de 102 vehículos inscritos, o que supón un novo récord de participación.
No acto participaron representantes da organización e das principais entidades colaboradoras, entre elas a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Concello de Chantada. Alfonso Viana, presidente do comité organizador, destacou que “hai un mes que a hostalaría local está completa, o que demostra o impacto económico que ten esta proba para a vila”.
A carreira, que discorrerá por un tramo de 4,3 quilómetros da estrada LU-C-533, entre a Ponte Vella e a saída cara a Monforte, obrigará a cortes de tráfico o sábado desde as 10:00 horas e o domingo a partir das 7:30 horas. Establecerase un desvío alternativo pola estrada CP-1811, a través do encoro de Belesar. A concelleira de Deportes, Belén Vázquez Caseiro, agradeceu o traballo da Escudería e animou á veciñanza e visitantes a gozar da proba “respectando os viñedos e a paisaxe da Ribeira Sacra, que fan única esta competición”. Entre os participantes figuran nomes destacados como Joseba Iraola, aspirante ao título estatal, e Alonso Liste, que competirá cun Fórmula 3 adaptado por alumnado do CIFP As Mercedes de Lugo. Tamén colaborarán estudantes do ciclo dual de Automoción, prestando apoio técnico aos equipos. A “Cerimonia de Saída“, na que se presentarán os 102 participantes, será o mesmo venres, ás 20:30h na Praza de Galicia, polo que quedará prohibido estacionar na Avda. de Monforte desde a media tarde do venres ata as 22:00h.•





