A Xunta reforza a formación contra incendios cun investimento de 1,8 millóns de euros para 2025 e 2026

Consolídase o reforzo progresivo do persoal fixo-descontinuo, que neste 2025 traballa oito meses, un máis que en 2024, e que en 2026 o fará durante nove meses

Foto GPXG.

A Consellería do Medio Rural destinará preto de 1,8 millóns de euros á formación e adestramento do persoal que integra o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) no bienio 2025-2026. O investimento supón un incremento próximo ao 19 % respecto ao período 2023-2024, consolidando a aposta da Xunta pola profesionalización e a mellora continua das capacidades do dispositivo.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), que busca reducir ao mínimo as consecuencias ecolóxicas, sociais e económicas provocadas polos incendios. No marco do Pladiga, o plan formativo estrutúrase agora en seis programas diferenciados, con actuacións tanto para o persoal técnico como para a cidadanía.
En concreto, desenvolveranse cursos monográficos especializados, itinerarios profesionais orientados á capacitación progresiva dos integrantes do SPIF, programas de adestramento centrados na eficiencia operativa e accións formativas dirixidas a medios das entidades locais. Xunto a estes, incluiranse iniciativas de sensibilización cidadá e actividades divulgativas co obxectivo de reforzar a concienciación social ante o risco do lume.
Segundo os datos facilitados pola Xunta, en 2024 a oferta formativa xa acadara cifras destacadas, con 473 edicións de cursos que sumaron máis de 108.000 horas lectivas e nas que participaron 11.447 persoas. Como novidade operativa, o Pladiga incorpora neste exercicio a figura do xefe ou xefa de loxística, que asumirá funcións clave en incendios complexos. Este perfil técnico terá entre as súas responsabilidades a coordinación do desprazamento dos medios, a localización das zonas de actuación, a supervisión das comunicacións e a xestión do avituallamento e do aloxamento do persoal despregado, en coordinación cos Centros de Coordinación de Distrito e os Puntos de Recepción de Medios.
O dispositivo galego de loita contra incendios para esta campaña estará integrado, como en anos anteriores, por máis de 7.000 persoas, sumando tanto efectivos propios da Xunta como doutros organismos públicos. Tamén se consolida o reforzo progresivo do persoal laboral fixo-descontinuo, que neste 2025 traballa durante oito meses, fronte aos sete do pasado ano, e que en 2026 o fará durante nove meses.
No ámbito dos medios materiais, Galicia disporá dunha trintena de unidades aéreas e preto de 380 motobombas e vehículos pesados, entre os propios da Administración autonómica e os municipais. Desde 2013 renováronse 137 motobombas e está prevista a adquisición de tres novas unidades neste exercicio.

MODERNIZACIÓN DA INFRAESTRUTURA
O Plan de mellora das Infraestruturas mobilizará 13,7 millóns de euros entre 2025 e 2026 para construír ou renovar sete instalacións en diferentes puntos de Galicia. As intervencións realizaranse nos concellos pontevedreses de Lalín, Valga —con dúas actuacións—, Portas e Tui, e nos ourensáns de Sandiás e Bande.
En Lalín levantarase unha nova base de medios aéreos no polígono industrial Lalín 2000. Pola súa parte, a base de Antela (Sandiás) será renovada para operar seis avións de carga, con fondos do programa Interreg. Valga acollerá unha base aérea semellante e tamén unha nova BUO, idéntica á prevista en Portas, ambas con 414 m² e cofinanciadas polo Feader.
En Bande, a nova BUO integrará a sede do distrito forestal XV-A Limia, con máis de 642 m². A de Tui recuperarase a partir do Viveiro de Areas. Ambas contarán con financiamento do Feder.

PREVENCIÓN E ANÁLISE DE RISCO
No ámbito preventivo, en 2025 ampliaranse as zonas xestionadas grazas á elaboración de plans específicos nos seis parques naturais galegos, compatibilizando a protección ambiental coa acción preventiva. Entre as actuacións previstas inclúense traballos silvícolas, queimas prescritas, melloras nas pistas forestais e mantemento dos máis de 5.000 puntos de auga repartidos por Galicia. Tamén se reforza o programa educativo nos centros escolares cun novo material dos Bolechas sobre incendios forestais, cunha tirada total de 23.500 exemplares entre libros, cadernos e unidades didácticas.
En relación coa detección e disuasión de incendios, en 2025 identificaránse 26 parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), fronte ás 40 do ano anterior. Dúas novas incorpóranse ao listado –Requeixo (Chandrexa de Queixa) e Pontellas (O Porriño)– e saen dezaseis, o que supón unha redución neta de 14 parroquias. Segundo indica a Xunta, este descenso responde á evolución favorable da actividade incendiaria nesas zonas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Coordinan o dispositivo de seguridade para a Subida a Chantada e as festas do verán

Seguinte Nova

ENTREVISTA A MARILIA MONZÓN

Últimas noticias sobre MEDIO AMBIENTE

Ir aInicio

Don't Miss