
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou a nomeación de Dona Manuela Sáez González como Pregoeira das Festas Patronais de 2025. Durante o acto, o rexedor destacou o prestixio e a traxectoria da doutora, que é recoñecida internacionalmente polo seu labor de investigación sobre a Casa de Lemos e, en particular, sobre o Virrei D. Pedro Fernández de Castro, Andrade e Portugal, VII Conde de Lemos.
DOUTORA EN XEOGRAFÍA E HISTORIA
Tomé subliñou que Dona Manuela Sáez, doutora en Xeografía e Historia, está considerada unha das maiores expertas a nivel mundial sobre a Casa de Lemos. A súa contribución foi clave para situar Monforte no mapa cultural internacional grazas aos seus traballos sobre a figura do VII Conde de Lemos. O actual Conde de Lemos, Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, cualificou a súa publicación “Vida y obra del VII Conde de Lemos” como a máis importante feita sobre esta figura histórica e sobre calquera membro da Casa de Lemos.
DEFENSORA DO PATRIMONIO ARTÍSTICO DE MONFORTE
O alcalde tamén destacou que a historiadora serve como embaixadora da cidade natal ao reivindicar o valor cultural e histórico de Monforte. A súa defensa do patrimonio artístico da localidade, especialmente do século XVII, pon en valor o Museo da Compañía e o Museo das Clarisas, que albergan obras de escultores napolitanos, Gregorio Fernández, e artistas como o Greco, Azzolino, Andrea del Sarto, Antiveduto Gramatica e os Ricci.
Ordine Della Stella d’Italia
Un recoñecemento máis da súa carreira chegou recentemente desde Italia, onde recibiu a condecoración da insignia “la Orden de la Estrella” no grao de comendadora, imposta polo embaixador de Italia en España en xuño. Esta distinción outórgase a persoas que promoven a cooperación entre Italia e outros países.
Durante o anuncio, José Tomé agradeceu á doutora a invitación para participar neste acto e expresou o orgullo da cidade por contar con unha veciña con tal traxectoria.
VIDA E OBRA DO VII CONDE DE LEMOS
Ao longo da súa dilatada carreira, Dona Manuela Sáez publicou numerosos estudos e libros que se converteron en referencia para historiadores e expertos en arte. Entre as obras máis salientables están “Vida y obra del VII Conde de Lemos” (2 volumes, 2023), “Coleccionismo y almoneda del Gran Conde de Lemos” (2018), “Del Reino de Nápoles a las Clarisas de Monforte de Lemos” (2012), e outras sobre platería e arquitectura, todas elas editadas por institucións como as Deputacións Provinciais de Lugo e Pontevedra, ou a Fundación Pedro Barrié de la Maza.
PREGOEIRA DAS FESTAS PATRONAIS
Ademais dos libros, a doutora colaborou en publicacións especializadas, impartiu conferencias en España e fóra do país, e continúa con varios proxectos editoriais en marcha, entre eles “Libro diario privado de los gastos del VII conde de Lemos en Nápoles (1610-1616)”, “La cocina de la Condesa doña Catalina de la Cerda y Sandoval”, “Correspondencia de los VII conde de Lemos (1610-1647)”, e “La saga femenina de la casa de Lemos en el siglo XVII”.
O alcalde José Tomé Roca finalizou expresando que, dado o prestixio e méritos da doutora Manuela Sáez, a cidade de Monforte de Lemos acollerá a súa pregoeira nas Festas Patronais do 2025 “con respecto, admiración e cariño”.•





