A Xunta e a Fegamp fixan o 31 de xullo como data límite para completar os informes técnicos previos ao traspaso

A unidade asistencial de drogodependencias de Monforte de Lemos está máis preto de integrarse plenamente no Servizo Galego de Saúde. Así se acordou na última reunión da comisión mixta entre a Xunta de Galicia e a Fegamp, celebrada en Santiago, na que se presentaron os informes técnicos elaborados polas ponencias sobre persoal e infraestruturas.
Monforte é un dos trece concellos galegos que contan con unidades municipais de atención ás adiccións, e que serán asumidas pola administración autonómica. O proceso, iniciado en 2007 coa integración funcional, entra agora na súa fase final. Os concellos teñen ata o 31 de xullo para achegar os datos pendentes, co obxectivo de aprobar os informes definitivos en setembro e avanzar cara á integración efectiva. Ademais, a Xunta renovou o convenio coa Fegamp para garantir o financiamento destes servizos, cun investimento de máis de 4 millóns de euros. A través deste acordo asegúrase a continuidade dos programas de atención ás adiccións e achegará 4.022.800 euros para o financiamento das actuacións e programas que realicen as unidades de drogodependencia e de día de titularidade municipal, reforzando a calidade asistencial e a promoción da saúde nos municipio. A unidade de Monforte, que atende a usuarios da comarca, verá así reforzada a súa estabilidade e capacidade de resposta.•



