
O Concello de Ribas de Sil presentou a súa programación cultural para o verán 2025, cun calendario de actividades que se estenderá do 19 de xullo ao 20 de setembro. A proposta inclúe espectáculos familiares no anfiteatro da praia fluvial, con contacontos, teatro, circo e música para público infantil, grazas á colaboración co programa Galescena. Tamén haberá concertos, como o do grupo Gin Toni’s o 24 de xullo, e actuacións musicais durante as festas patronais, do 14 ao 17 de agosto. Como novidade, incorpóranse as “Conversas de verán”, encontros abertos na Aula de Pesca sobre historia local, conducidos por Manuel Cao. Abordaranse temas como o ferrocarril, a memoria da praia fluvial ou o accidente do Salto. A programación complétase con visitas guiadas ao Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana e campamentos infantís semanais. O Concello aposta así por un verán cheo de cultura, identidade e participación.•



