
A vila de Sarria acolleu o pasado domingo unha nova edición da festa “Move os teus marcos”, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo como homenaxe ao xestor cultural Marcos López, falecido en 2024. A xornada, centrada na diversidade, a lingua e o compromiso social, contou cunha ampla programación que combinou música, artes escénicas, poesía, coloquios e actividades para a cativada.
O programa comezou ás 12:00 h na terraza da Cervexería Don Pepe cunha mesa coloquio na que participaron Carlos Callón, Daniela Ferrández, Braulio Vilariño e Chené Gómez. Ás 13:00 h desenvolveuse un paseo teatralizado polas rúas da vila, con representacións a cargo de asociacións culturais locais e a guía Silvia Mondelo.
A partir das 14:00 h, a actividade trasladouse á terraza do Meigallo, onde Patricia López, irmá de Marcos, leu o pregón. Seguiu un xantar popular, unha foliada aberta e o recital poético-musical “Canto en Parada”, con Luís López Alonso e Rafael Mallo. A tarde estivo dedicada á cativada, con obradoiros creativos e xogos. O recinto acolleu tamén unha zona gastronómica con produtos da comarca e exposicións artísticas arredor da causa palestina.
O concerto conxunto de Mondra e De Vacas, preparado en exclusiva para esta edición, puxo o broche final a unha xornada que reuniu centos de persoas. A súa actuación, inédita ata o momento, foi un dos momentos máis agardados do día e serviu como homenaxe musical a Marcos López, cuxa traxectoria profesional e activismo inspiraron o espírito do evento. A Deputación valorou moi positivamente a acollida da iniciativa e a implicación do tecido cultural local da comarca de Sarria.•





