
A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla analizou este martes os efectos dos novos contratos que as industrias lácteas están a propoñer ás granxas galegas para a compra do leite a partir do 1 de agosto. Segundo a entidade, as subas limitadas consolídan unha discriminación persistente que mantén ás explotacións galegas por baixo da media estatal e europea en canto a prezos. As principais industrias que operan en Galicia —Lactalis, Larsa e Leite Río— están a ofrecer contratos de maior duración, pasando de catro a oito meses, o que Agromuralla interpreta como un intento de asegurar subministración ante a previsión de subas no mercado. Con todo, denuncian que os prezos seguen a ser inferiores aos doutras comunidades e que se agravan as diferenzas entre granxas veciñas, con oscilacións de ata 9 céntimos por litro. A asociación critica que se penalice ás granxas pequenas e medianas, maioritarias en Galicia, mediante primas por volume que, segundo explican, non son bonificacións reais senón penalizacións encubertas. “Resulta inxustificado que dúas granxas da mesma parroquia, que entregan o leite á mesma empresa, reciban prezos tan dispares cando o camión de recollida é o mesmo”, sinalan.
Agromuralla reclama á Xunta que non permaneza como mera espectadora e que controle as prácticas abusivas, tanto no diferencial entre Galicia e outras comunidades como entre as propias granxas galegas. A entidade propón un prezo base igual para todas as explotacións, con incentivos vinculados á calidade hixiénico-sanitaria e nutricional do leite, e non ao volume entregado.
A situación actual do mercado, marcada pola caída da produción en Galicia e en Europa, o mantemento do consumo e os altos prezos dos produtos industriais, debería favorecer unha suba xeral. En maio, Galicia rexistrou un prezo medio de 48,8 céntimos, por baixo da media estatal (50,1) e de comunidades como Asturias (52) ou Castela e León (51,1). En Europa, países como Alemaña, Holanda ou Irlanda superan os 53 céntimos, mentres que a produción caeu un 1 % na UE e case un 2 % en Galicia.
Agromuralla trasladará estas demandas á Consellería do Medio Rural no Pleno do Observatorio Lácteo Galego, previsto para setembro, onde participará como entidade representativa do sector•





