A Audiencia Provincial impón penas de ata 14 anos e medio de prisión e indemnizacións que suman 90.000 euros polos feitos ocorridos en Monforte

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo ditou sentenza o pasado 9 de xullo pola que condena a dúas persoas por delitos continuados de agresión sexual a unha menor de idade. A resolución, notificada o día 11 á Fundación Amigos de Galicia, que actuou como acusación popular, establece penas de 14 anos e seis meses de prisión para Marisol Couto, nai da vítima, e de 14 anos para José Rodríguez Vilanova.
Segundo recolle a sentenza, os feitos comezaron no ano 2016, cando a menor contaba con apenas dez anos, e prolongáronse ata 2022. Durante ese período, a nai concertaba encontros con homes de idade avanzada para que a súa filla mantivese relacións sexuais a cambio de compensación económica. Inicialmente, os abusos producíanse no domicilio dun dos implicados, xa falecido, e posteriormente nun descampado da localidade de Monforte de Lemos, onde se consumaban os feitos no interior dun vehículo, sempre coa presenza da nai.
A Audiencia considera probado que ambos acusados actuaron con ánimo de lucro e impón, ademais das penas de prisión, o pagamento dunha indemnización á vítima de 50.000 euros por parte da nai e de 40.000 euros por parte do outro condenado.
A Fundación Amigos de Galicia expresou a súa satisfacción pola sentenza, destacando que “se fixo xustiza” e valorando positivamente que o tribunal aceptase a tese do concurso ideal de delitos, defendida pola entidade no xuízo. A fundación tamén felicitou o letrado Francisco José Lago Calvo polo seu labor na defensa dos dereitos da infancia.
Desde a entidade reiteran o seu compromiso coa loita contra calquera forma de violencia que afecte a menores e lembran que “é responsabilidade de toda a sociedade erradicar esta lacra”.•





