
O BNG de Monforte celebrou o pasado martes 8 de xullo unha actividade no Paseo do Malecón centrada na defensa dos dereitos LGTBIQA+ e a saúde mental. A charla-obradoiro, titulada “Coñecer para defender”, reuniu arredor de 30 persoas nun espazo seguro de diálogo e aprendizaxe colectiva.
As intervencións correron a cargo da avogada Diana Buceta e da psicóloga Cristina Vieco, que abordaron temas como a diversidade afectiva e de xénero, ferramentas legais, saúde emocional e a creación de espazos libres de odio. O acto serviu tamén para iniciar conversas sobre a posible creación dunha asociación LGTBIQA+ en Monforte e propostas para o pleno municipal.
Desde o BNG agradeceron a participación e destacaron que “a igualdade constrúese cada día, desde o coñecemento, o apoio mutuo e o coidado colectivo”.•





