
Foto MONTERO.
O Concello de Monforte de Lemos vén de abrir o prazo para solicitar as subvencións destinadas á organización de festas populares en barrios e parroquias do municipio. A convocatoria foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o pasado 11 de xullo e permanecerá aberta ata o 31 de outubro.
O alcalde, José Tomé Roca, explicou que o orzamento destinado a esta liña de axudas ascende a 25.000 euros, mantendo o incremento aplicado en 2024, polo que cada entidade beneficiaria recibirá unha achega de 1.000 euros. O obxectivo é apoiar a continuidade destas celebracións tradicionais e fomentar a participación veciñal.
Para optar ás axudas, será necesario contar coa autorización municipal para a celebración da festa e cumprir cos requisitos establecidos, como non ter débedas coas administracións públicas. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica, acompañadas da documentación requirida.•





