
O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos levará ao pleno deste mes dúas propostas centradas na mellora da xestión económica do Concello e na defensa dos servizos ferroviarios. A voceira popular, Katy Varela, sinala que os informes de intervención da conta xeral de 2024 recollen deficiencias reiteradas na xestión do goberno local, como a falta de persoal cualificado, o uso excesivo de reparos e o abuso das subvencións nominativas.
Segundo Varela, “unha administración debe ser escrupulosa na súa xestión, non só para evitar irregularidades, senón para garantir unha distribución eficiente dos recursos e unha menor carga fiscal para os cidadáns”. Os informes tamén alertan de ingresos mal xestionados e da ausencia de ordenanzas para determinadas taxas.
Os populares monfortinos pedirán que se dea estabilidade ao persoal temporal, se reforcen os departamentos clave como o de contratación e se limite o uso de subvencións directas. Ademais, solicitarán a unanimidade do pleno para reclamar ao Ministerio de Transportes a recuperación de servizos ferroviarios suprimidos, como o tren nocturno a Barcelona, e a mellora das conexións co AVE en Ourense. Katy Varela lembrou que “non se trata de cores políticas, senón de servizos xustos para todos os monfortinos”, e criticou o atraso nas obras da estación. Tamén denunciou que a primeira conexión diaria con Madrid chega ás dúas da tarde, dificultando as xestións sen pernoctar na capital.•





