
A parroquia de Bendollo celebrou por segundo ano consecutivo a romaría da Virxe das Neves, recuperando unha tradición interrompida durante máis de seis décadas. A imaxe da virxe, unha talla de madeira policromada do século XII, realizou o percorrido entre a igrexa parroquial de Santa Baia e a capela das Neves nun carro tradicional tirado por un par de bois da gandería Mario Nogueira.
A procesión, que cubriu os case 700 metros que separan ambos templos, contou coa participación de numerosos veciños e co acompañamento musical do grupo de gaitas O Recanto. As altas temperaturas non impediron a peregrinación, que incluíu varias paradas para facilitar o avance tanto dos animais como dos fieis polo camiño empinado.
Xa na contorna da capela, e ao aire libre para permitir o acceso de todos os asistentes, celebrouse unha misa coa virxe presidindo desde o carro. Como colofón da xornada, os participantes compartiron unha comida popular nunha carpa instalada nas inmediacións, mantendo o espírito comunitario da romaría tradicional.•





