
Foto GPXG.
A Xunta porá en marcha unha nova orde de axudas dirixida a persoas maiores de 18 anos e empadroadas en Galicia, para facilitar a súa incorporación ao sector do transporte profesional. A convocatoria, dotada cun orzamento dun millón de euros, servirá para subvencionar a obtención do certificado de aptitude profesional (CAP) e dos permisos de condución das clases C e D, así como das súas variantes.
A medida inclúe dúas liñas de apoio: unha para os cursos de obtención do CAP, tanto na modalidade inicial como na de ampliación ou promoción, e outra para a obtención dos permisos das clases C, C1, C+E, D, D1, D1+E e D+E. O importe máximo por persoa será de 1.200 euros, ampliables ata 3.900 se se acollen a ambas liñas. Na modalidade de ampliación ou promoción do CAP, a contía poderá chegar aos 300€. En todos os casos, o curso deberá realizarse en Galicia en centros autorizados.
As solicitudes poderán presentarse entre o 1 e o 30 de outubro ou ata esgotar os fondos, e cubrirán os gastos efectuados desde o 30 de outubro de 2024. As empresas que desexen adherirse como entidades colaboradoras dispoñerán dun mes desde a publicación da orde no DOG, prevista para o 13 de agosto.
A través desta iniciativa, a Xunta busca mellorar a empregabilidade das persoas interesadas en acceder ao sector do transporte profesional e dar resposta á carencia de condutores cualificados, unha demanda crecente no ámbito da loxística a nivel europeo.•





