
As iniciativas empresariais impulsadas por mulleres poden optar ás axudas da convocatoria 2025 do programa Emega, promovido pola Xunta para fomentar o emprendemento feminino. O prazo para presentar solicitudes permanece aberto ata o 14 de agosto e a dotación supera os cinco millóns de euros, co obxectivo de beneficiar máis de 350 proxectos.
O programa inclúe as liñas Emerxe, Impulsa e Innova, con contías máximas de 22.000, 17.000 e 42.000 euros, respectivamente, segundo o grao de innovación e madurez das iniciativas. A estas súmase a axuda complementaria Concilia, destinada a facilitar a conciliación familiar e laboral.
As axudas, cofinanciadas ao 60 % pola Unión Europea a través do FSE+ Galicia 2021-2027, prestan especial atención ao emprendemento no rural, a sectores masculinizados e a mulleres maiores de 55 anos. Os Polos de Emprendemento da Xunta ofrecen apoio formativo ás beneficiarias.•





