Adif eliminará catro pasos a nivel en Sarria e construirá novos accesos no Camiño de Santiago

As actuacións, cun investimento de 3,95 millóns de euros, mellorarán a seguridade viaria e ferroviaria na liña Ourense-Monforte-Lugo. Foto GPADIF.

Adif prevé suprimir catro pasos a nivel no termo municipal de Sarria, localizados nos puntos quilométricos 393/072, 393/993, 394/849 e 395/420 da liña ferroviaria Ourense-Monforte de Lemos-Lugo. As obras están licitadas cun orzamento de 3,95 millóns de euros e supoñen un novo avance no plan de modernización do corredor ferroviario, en conexión coa alta velocidade en Ourense.
As solucións proxectadas inclúen o acondicionamento e mellora de vías existentes, así como a conexión con pasos superiores xa operativos e a execución dunha obra de drenaxe transversal no regato das Paredes. A intervención no punto quilométrico 394/849 contempla a construción dun paso inferior baixo a vía, destinado a restituír o tránsito peonil e agrícola, e garantir a continuidade do Camiño de Santiago e dos accesos agrarios que converxen nese treito. Para iso, está prevista a rebaixa da cota dos camiños de conexión cara a esa zona.
No punto quilométrico 395/420, a continuidade da ruta xacobea resolverase mediante unha nova pasarela adaptada, dotada de ramplas con pendente accesible para persoas con mobilidade reducida. Segundo Adif, estas actuacións contribuirán a mellorar a permeabilidade transversal no municipio de Sarria, ademais de incrementar a seguridade tanto no tráfico ferroviario como no viario e peonil.
A eliminación destes catro pasos súmase a outras intervencións en marcha para suprimir 19 pasos a nivel adicionais ao longo do traxecto Ourense-Monforte-Lugo, entre eles dous en Ourense, dous en Monforte, nove en Sarria e seis en Lugo cidade.
Estas obras forman parte do plan de renovación integral da liña Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, de 117 quilómetros de lonxitude, que inclúe a renovación de vía, a electrificación do tramo Monforte-Lugo e a adaptación da infraestrutura para operar a 25 kV entre Ourense e Monforte. Tamén se están modernizando estacións como as de Lugo e Monforte, e reforzando estruturas, desmontes e túneles.
As actuacións, que implican un importante reto técnico e loxístico debido á orografía da zona, enmárcanse nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, especialmente os relativos a infraestruturas sostibles, eficiencia enerxética e crecemento económico.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Verán sobre rodas para a cativada de Bóveda

Seguinte Nova

O Folión de Carros volverá ser o prato forte das Festas Patronais

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Xabier Quiroga

O escritor do Saviñao vén de publicar Alguén ao lado, una novela fundada na conxugación de sentimentos fundamentales e idiosincrasia galega Falamos
Ir aInicio

Don't Miss