Logo de doce anos enriba dos escenarios, os Gin Toni’s volven ás festas de Monforte para ofrecer unha noite de música, enerxía, diversión e bo rollo na Compañía

Gin Toni’s é unha banda galega de versións nacida no Saviñao (Lugo) alá polo ano 2013. Está formada por Andrés Montes (voz e guitarra), Toni Fernández (batería), Chris Juncal (baixo), Diego Sanjorge (guitarra) e Alfonso Cid ao saxofón. Dende os seus inicios, o grupo destacou por ofrecer directos cheos de enerxía, bo humor e unha gran conexión co público.
O repertorio de Gin Toni’s céntrase en versións de clásicos do pop e rock español, especialmente das décadas dos 80 e 90. Entre os artistas aos que homenaxean están El Último de la Fila, Radio Futura, Loquillo, M-Clan, Los Secretos, Siniestro Total ou Rosendo. O seu estilo combina fidelidade ás cancións orixinais cun toque persoal que fai vibrar o público en cada concerto.
Ao longo da súa traxectoria consolidáronse como unha das bandas de versións máis recoñecidas de Galicia, con máis de 75 concertos ao ano. Participaron en festas e festivais por toda a comunidade, como as Festas de San Cibrao no Carballiño, o Festival Galo de Curral en Vila de Cruces, actuacións no Xardín do Posío en Ourense ou eventos organizados por concellos como o de Begonte.
Un dos factores principais do éxito de Gin Toni’s é a súa empatía co público. Segundo o vocalista Andrés Montes, hai moitas bandas de versións, pero poucas conseguen xerar unha conexión tan auténtica. Esa proximidade e autenticidade foron claves para gañar o cariño da xente en todo tipo de escenarios, dende verbenas ata festivais ou eventos culturais.
Ademais das actuacións en directo, Gin Toni’s profesionalizou o seu proxecto coa gravación do seu primeiro disco, que inclúe o tema orixinal “Si nos organizamos”, un exemplo da súa capacidade non só para reinterpretar, senón tamén para crear.
Con máis dunha década sobre os escenarios, Gin Toni’s segue celebrando a música como unha festa compartida, levando a cada actuación unha mestura de nostalxia, enerxía e celebración colectiva que os converteu nun referente indiscutible no panorama musical galego.
P: Que son os Gin Toni’s? Como vos definiríades como grupo ou banda?
R: Os Gin Toni’s somos, fundamentalmente, un grupo de amigos que nos xuntamos por casualidade para facer o que máis nos gusta, que é tocar. Comezamos nunha comida entre colegas, e aínda que o grupo foi evolucionando ata converterse nun traballo profesional nestes doce anos, o segredo de Gin Toni’s é que seguimos sendo un grupo de amigos. Iso nótase cando a xente vén vernos: ven que estamos gozando, e esa enerxía é a que fixo que tivésemos tanta repercusión, levando a tocar en festas e festivais que nin soñabamos.
P: Cal é a clave para facer unha boa versión que soe recoñecible e, ao tempo, co estilo propio do grupo?
R: Hai bandas que fan covers tal cal e outras que fan versións con arranxos propios. Nós temos un director musical, Diego Mosquera, e seguimos sempre a mesma premisa: que o 95% do público recoñeza a canción e a cante, e que o 5% restante, que entende de música, valore os arranxos que fixemos. Son versións potentes musicalmente, pero recoñecibles. Buscamos ese equilibrio, e iso conséguese coa experiencia de tantos anos tocando. Temos un son propio, e mesmo sen vernos, hai quen pode recoñecer que son versións de Gin Toni’s.
P: Alguna vez vos aventurastes a gravar música orixinal, composicións propias?
R: Gin Toni’s é unha banda de versións, e creo que non deberiamos saír dese camiño. Cando gravamos o disco “Si nos organizamos”, o produtor propuxo incluír temas inéditos. A maioría da banda dixo que si, e eu era dos que pensaba que non. Finalmente, gravamos un tema como agradecemento polo apoio da xente, pero concluímos que a nosa esencia está nas versións.
P: Hai desgaste ou cansazo logo de levar máis de doce anos sobre os escenarios?
R: Evidentemente. Se tocas cinco días seguidos, ao quinto estás canso. Pero non hai nada que me guste máis ca tocar. Se levamos quince días sen vernos, xuntámonos para cear. Iso é máxico. Cando nos subimos á furgoneta tras dous concertos no mesmo día, imos rindo todo o camiño.
A pesar das obrigas, traballamos no que máis nos gusta. Sempre digo algo que igual non se debería dicir: cobro por algo polo que pagaría, e que me supere quen poida (risas).
P: Como se forxa a conexión co público, habendo cada vez máis grupos de versións?
R: Hai persoas co don de conectar, outras non tanto. Eu creo que conecto bastante, pero se o resto do grupo non empuxa, non funciona. No noso caso, todos conectamos, cada un á súa maneira. Temos cinco personalidades distintas empuxando na mesma dirección. Iso é o que nos permite facer tantos concertos.
Un dos maiores subidóns é cando, nada máis baixar do escenario, xa te contratan para o ano seguinte. Iso pásanos cada vez máis. Tocamos moito en Monforte e o val de Lemos, pero agora estamos a expandirnos. É gratificante que te valoren polo teu traballo, sen prexuízos.•





