Galicia reforza a vixilancia e a concienciación sobre a auga paragarantir a súa dispoñibilidade futura

Augas de Galicia, monitoriza 24 horas ao día a situación dos recursos hídricos e chama a un uso responsable deste ben finito

Augas de Galicia realiza unha vixilancia continua dos recuros hídricos mentres sensibliza a poboación sobre a necesidade de facer un uso responsable e sostiblel. Foto EC.

A auga é un recurso esencial para Galicia, motor da súa economía, parte central da súa cultura e elemento que define a súa paisaxe. Por iso, a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, mantén un sistema de vixilancia permanente dos recursos hídricos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
Este territorio abrangue 12.990 km², con 14.700 quilómetros de ríos e acolle 2.070.645 habitantes en 182 concellos, máis da metade da poboación galega. O obxectivo é preservar este recurso fundamental fronte aos retos que supón o cambio climático e consolidar Galicia como un territorio que se pode considerar refuxio climático.
Desde xuño, Augas de Galicia publica periodicamente o boletín hidrolóxico que recolle a evolución dos recursos durante o ano hidrolóxico. Estes indicadores son especialmente relevantes en períodos como o verán, cando as condicións climatolóxicas son máis secas e a poboación aumenta de forma significativa nos concellos turísticos. “Monitorizamos as nosas masas de auga as 24 horas do día para anticiparnos a posibles situacións de seca ou escaseza e aplicar medidas proporcionadas”, apuntan desde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, quen salientou que este seguimento permite adoptar decisións coordinadas con outras administracións.

É fundamental sensibilizar ás galegos sobre a importancia de levar a cabo un uso responsable da auga. Foto EC.


Esta labor estrutúrase arredor do Plan de Seca 2021-2027, aprobado en 2022 como actualización do instrumento vixente desde 2013. O plan distingue entre seca prolongada, derivada de longos períodos de baixas precipitacións, e escaseza conxuntural, vinculada á dificultade de atender a demanda de auga. Para cada escenario empréganse indicadores técnicos que permiten activar as medidas axeitadas. A coordinación é esencial: ademais de Augas de Galicia, participan MeteoGalicia, Protección Civil, concesionarios de encoros e as administracións municipais, que son as responsables directas dos sistemas de abastecemento.
A planificación a nivel local resulta clave. Grazas ás axudas da Xunta, máis dun centenar de concellos contan xa con plans municipais de emerxencia fronte á seca, obrigatorios para os núcleos de máis de 20.000 habitantes. Estes documentos establecen indicadores específicos para cada termo municipal e recollen accións como a redución do baldeo de rúas, do rego de xardíns ou a posta en marcha de fontes alternativas de abastecemento cando sexa preciso.
En paralelo ao control e á planificación, a Xunta impulsa campañas de concienciación para promover un uso responsable da auga. As recomendacións diríxense ao conxunto da cidadanía. No ámbito doméstico, proponse reparar fugas en billas e cisternas, instalar dispositivos de aforro, aproveitar a auga da choiva, ducharse en lugar de bañarse, pechar a billa mentres se lavan os dentes ou utilizar programas de baixo consumo nos electrodomésticos. Na xardinaría e na agricultura, recoméndase regar en horas de menos calor, empregar sistemas de rego eficientes como o goteo e priorizar especies que requiran menos auga.
O sector industrial tamén é chamado a mellorar a eficiencia hídrica. Para iso, Augas de Galicia promove a implantación de sistemas que permitan reutilizar a auga nos procesos produtivos, reducir perdas por evaporación e formar ao persoal sobre o valor deste recurso. “Cada litro conta e todos podemos contribuír, desde a casa, no traballo ou no campo, a que Galicia siga dispoñendo de auga en cantidade e calidade suficientes”, engaden dende a consellería.

A industria está chamada a mellorar a súa eficiencia hídrica, promovendo a implantación de sistemas que permitan reutilizar a auga nos procesos produtivos. Foto EC.


A sensibilización complétase con iniciativas dirixidas aos máis novos a través de actividades educativas e de divulgación. Estas campañas inciden en que, a pesar de que Galicia parte dunha situación mellor que a media estatal en termos de dispoñibilidade de auga, este recurso non é ilimitado. Tamén se invita a denunciar prácticas abusivas e a participar en programas de conservación do medio acuático.
A estratexia hídrica galega intégrase no conxunto de instrumentos de planificación da Xunta, como o Plan Hidrolóxico e o Plan de Xestión do Risco de Inundación, co obxectivo de asegurar a dispoñibilidade de auga para a poboación e minorar o impacto dos episodios extremos. Estes documentos teñen en conta o cambio climático e a necesidade de adaptar os sistemas de abastecemento e saneamento ás variacións nos réximes de precipitación.
Desde xuño e ata finais de setembro, os técnicos de Augas de Galicia intensifican a súa actividade para actualizar en tempo real o estado das masas de auga, dos encoros e das captacións de abastecemento. A información recompílase no portal web da entidade, onde se poden consultar os niveis de caudal, a situación das reservas e as recomendacións vixentes para cada unidade territorial. Esta transparencia facilita que a cidadanía e os operadores dispoñan de datos actualizados para planificar o seu consumo e actividade.
A Xunta lembra que a xestión eficiente da auga é unha responsabilidade compartida. As administracións teñen a obriga de planificar e dotar de infraestruturas, pero tamén é necesario que a sociedade adopte hábitos responsables. “Queremos que Galicia siga sendo recoñecida polo seu patrimonio natural e polos seus recursos hídricos, que son parte da nosa identidade e da nosa economía”, conclúen dende a consellería.
As actuacións de Augas de Galicia, xunto coa implicación dos concellos, do sector produtivo e da cidadanía, buscan asegurar que este ben finito siga estando dispoñible para as xeracións presentes e futuras. Galicia conta cunha ampla rede fluvial e cunhas condicións meteorolóxicas favorables, mais estas vantaxes non deben xerar confianza excesiva. O cambio climático e o incremento das necesidades de consumo obrigan a manter unha actitude de alerta permanente, planificar con rigor e fomentar unha cultura da auga asentada no respecto e na sustentabilidade.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Entregadas en Sober as bolsas Pintor de Castinandi a tres novos creadores

Seguinte Nova

Ferreira de Pantón prepárase para tres días de Festas Patronais

Últimas noticias sobre MEDIO AMBIENTE

Ir aInicio

Don't Miss