
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer o programa completo das Festas Patronais 2025, que se desenvolverán entre o 11 e o 16 de agosto. O rexedor destacou que a proposta mantén a liña dos últimos dez anos, con seis concertos principais e actuacións de orquestras antes e despois, prolongando a actividade musical ata as catro da madrugada.
PREGÓN DA HISTORIADORA MONFORTINA MANUELA SÁEZ
O programa arrincará o luns 11 de agosto co pregón a cargo da historiadora monfortina Manuela Sáez González, seguido do concerto de A Roda na praza de España.
CONCERTO DA ORQUESTRA PANORAMA
O martes 12 será a quenda da Orquestra Panorama, o Grupo América de Vigo e a Orquestra do Conservatorio Municipal.
COQUE MALLA, DORIAN, ABRAHAM MATEO E NIL MOLINER
O mércores 13, o escenario principal acollerá a Coque Malla, acompañado das orquestras Galilea e do grupo As Searas.
O xoves 14 subirán ao escenario Dorian e bandas locais como Movilla y los irrepetibles ou Gin Toni’s. O venres 15 celebrarase a tradicional Mostra de Danza e Música Tradicional, con fogos artificiais desde San Vicente e a actuación de Abraham Mateo. As festas pecharanse o sábado 16 coa participación de Nil Moliner e fogos artificiais de auga desde o río Cabe.
PROPOSTAS CULTURAIS E ESPECTÁCULOS NAS RÚAS CON MÚSICA, MAXIA E CIRCO
A programación complétase con múltiples propostas culturais e festivas. Entre elas, o Día do Gaiteiro e a procesión da Virxe de Montserrat, o 15 de agosto, que se retoma tras as obras de mellora na igrexa de San Vicente. Ese día tamén terá lugar o desfile de barcas engalanadas polo río Cabe.
Outra das propostas destacadas é o festival “A Rúa é Vosa”, que encherá de espectáculos as rúas e prazas os días 12, 13, 14 e 16. A música, a maxia, o circo, os monicreques e outras disciplinas estarán presentes da man de seis compañías. Ademais, haberá numerosas actuacións de grupos locais de música tradicional, pandeireta, gaitas e batucada nas tardes e noites festivas.
PROGRAMA CULTURAL DE VERÁN
Paralelamente, o Programa Cultural do Verán estenderase ata o mes de setembro, con iniciativas como o ciclo de concertos de grupos monfortinos, a Gala de Maxia do 10 de agosto, o festival Carude Rock (8 e 9 de agosto), a mostra Artelemos, a Feira do Libro (20 a 23 de agosto) e eventos como a Festa da Empanada, a Xornada Europea da Cultura Xudía ou a chegada dunha etapa da Vuelta Ciclista o 7 de setembro.
O Concello tamén anuncia a colocación de 269 arcos de iluminación en 63 rúas, con máis dun millón de luces LED, seguindo o modelo implantado no Nadal. Todos os concertos e actividades serán gratuítos.
VALORACIÓNS DO ALCALDE JOSÉ TOMÉ
O alcalde subliñou que estas festas e o Verán Cultural son “un revulsivo económico” para sectores como a hostalaría, o comercio ou o turismo, e defendeu que Monforte “xa é un referente no sur da provincia e no Noroeste peninsular”. José Tomé rematou a súa intervención animando á veciñanza e visitantes a gozar das festas cunha mensaxe de benvida e participación.•





