Mozos e mozas de oito países poñen en valor a fervenza do Pozo do Batán nun campo de traballo en Quiroga

A iniciativa, organizada pola Xunta e o Concello, inclúe tarefas de limpeza e sinalización, así como actividades culturais e de lecer. Foto RTMQ.

Un grupo de mozos e mozas procedentes de oito países participa este verán nun campo de traballo internacional en Quiroga, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa área de Xuventude do Concello. A iniciativa, que se desenvolve entre o 24 de xullo e o 3 de agosto, céntrase na posta en valor da fervenza coñecida como “O Pozo do Batán”, situada no río Ferreiriño, nas proximidades do pregamento xeolóxico de Campodola e da ruta de sendeirismo PRG-192.
Durante as xornadas de voluntariado, as persoas participantes executaron labores de roza, limpeza e sinalización do acceso á fervenza. Entre as actuacións máis destacadas figura a construción dunha escaleira de madeira e terra que facilita a chegada ao enclave natural. O obxectivo é mellorar a accesibilidade e promover este espazo dentro da oferta de natureza e sendeirismo do municipio.
O alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, e o concelleiro de Medio Rural, Medio Ambiente e Xuventude, Luis Manuel Arias, achegáronse ata a zona para supervisar os traballos e agradecer o esforzo do grupo, que tamén está a elaborar un vídeo promocional sobre a fervenza, o Xeoparque “Montañas do Courel” e as rutas de sendeirismo do concello.

ACTIVIDADES CULTURAIS E RECREATIVAS
A experiencia inclúe, ademais, actividades paralelas de carácter cultural e recreativo. O programa contempla unha ruta guiada á antiga mina romana de Montefurado, visitas aos museos locais e ao pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós, así como a participación nunha cata de viños da zona.
Con este campo de traballo, o Concello de Quiroga reforza a súa aposta pola posta en valor do patrimonio natural e xeolóxico, ao tempo que promove o intercambio cultural e a implicación da mocidade na conservación do territorio.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O programa «Para Gustos, Cultura» dinamiza o verán galego

Seguinte Nova

A Virxe das Neves de Bendollo volve á súa capela sobre un carro de bois

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

Ir aInicio

Don't Miss