
Foto GPXG.
O sector enoturístico da Ribeira Sacra continúa a medrar con novos proxectos impulsados por sete empresas dos concellos de Chantada e Sober, que reforzan a súa oferta con melloras nas instalacións, actividades e servizos asociados á cultura vitivinícola.
NOVAS EXPERIENCIAS ARREDOR DO VIÑO
As iniciativas abranguen desde a ampliación de espazos ata a creación de experiencias arredor do viño e a gastronomía, integrándose nun modelo turístico máis completo e sostible.
As actuacións inclúen intervencións nas adegas Ribada, Vía Romana, Val de Lenda, Alma Galega, Cabo do Mundo e A man de Prado, así como na área para autocaravanas Solpor Camperpark. Esta última ampliará o número de prazas dispoñibles, consolidando un proxecto que xa fora premiado en 2024 por Agader no ámbito do turismo rural. No caso da adega A man de Prado, levaranse a cabo melloras no exterior e na creación dunha sala de xogos, entre outras actuacións.
Os proxectos forman parte do Plan Territorial de Sostibilidade Turística (PSTD) Enogastronomía de Galicia 2023-2025, que conta con financiamento europeo. Esta iniciativa tamén contempla, para o último trimestre do ano, un novo programa de mobilidade sostible vinculado ao enoturismo, con axudas para a compra de bicicletas, patinetes eléctricos e instalación de puntos de recarga.
O impulso destas propostas reflicte o potencial do enoturismo como motor económico e como fórmula para dinamizar o rural e poñer en valor un territorio singular como a Ribeira Sacra.•





