O PP de Monforte acusa a Tomé de inacción ante a perda de conexións ferroviarias

Os populares critican a negativa do alcalde a reclamar máis frecuencias con Ourense, Madrid e Barcelona e denuncian atrasos na obra da estación. Fotos GPPP.

O grupo municipal do PP de Monforte de Lemos manifestou esta pasada semana a súa decepción co que cualifican de “conformismo” do alcalde, José Tomé Roca, respecto ás conexións ferroviarias da cidade. A voceira dos populares monfortinos, Katy Varela, acusou o rexedor de negarse a solicitar ao Ministerio de Transportes un incremento de frecuencias con Ourense, Madrid e Barcelona, así como a recuperación de servizos suprimidos durante a pandemia.
Varela sostén que mellorar a conexión con Ourense permitiría un acceso máis doado dos monfortinos á rede de alta velocidade ferroviaria. Lembrou tamén que, segundo defende o PP, foi o Goberno de Pedro Sánchez quen retirou unha partida de 1.100 millóns de euros destinada á construción das variantes de Os Peares–Canabal e de Rubián, proxectos que considera imprescindibles para o acceso á alta velocidade na provincia de Lugo.
A voceira afeoulle a Tomé que presuma dos investimentos na liña ferroviaria cando, segundo apuntou, o Executivo de Mariano Rajoy deixara orzamentados máis de 1.600 millóns de euros, cifra que o actual Goberno reduciu a pouco máis de 500.
Pola súa banda, o concelleiro popular José Luis Rodríguez tamén criticou a Tomé por reivindicar a captación de fondos xunto á exsecretaria de Estado Isabel Pardo de Vera, quen está investigada xudicialmente.
Os populares denunciaron, ademais, os atrasos na execución das obras da estación de tren, que consideran consecuencia da “falta de interese” do alcalde por axilizalas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O PSdeG de Sarria reclama explicacións polo peche sen aviso do matadoiro municipal

Seguinte Nova

A Xunta destaca en Sober e Pantón o apoio aos viñedos da Ribeira Sacra con axudas por 1,3 millóns

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

Ir aInicio

Don't Miss